Estás en:Emprego Novas

Narón acolleu no CIMIX a I Xornada sobre o Patrimonio Industrial de Ferrolterra

Narón acolleu no CIMIX a I Xornada sobre o Patrimonio Industrial de Ferrolterra

O Centro de Interpretación dos Muíños Industriais (CIMIX) de Xuvia, en Narón, acolleu hoxe a I Xornada sobre o Patrimonio Industrial de Ferrolterra, un evento organizado coa finalidade de destacar a importancia histórica e cultural do legado industrial desta comarca. A inauguración do acto correu a cargo de Rosa Ana García, deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, do 1º tenente de alcalde do Concello de Narón, Manuel Antonio Ramos e o xerente da Mancomunidade de Concello da Comarca de Ferrol, Luís Alcalá.

No seu discurso, García subliñou o papel histórico de Ferrolterra como enclave estratéxico para o desenvolvemento industrial, destacando fitos como os estaleiros de construción naval, pioneiros a nivel nacional e internacional, ou a produción industrial iniciada hai máis de 200 anos en lugares como o propio Muíño de Xuvia. Este espazo emblemático, datado no século XVIII, foi recentemente rehabilitado grazas á colaboración entre a Deputación da Coruña, o Concello de Narón e os fondos EDUSI da Unión Europea, cun investimento de 1,6 millóns de euros.

A deputada destacou que "a industria non pode ser só o pasado de Ferrolterra, senón que tamén debe ser o seu futuro". Neste sentido, puxo de relevo o potencial dos novos estaleiros 2.0, a aposta polas enerxías renovables e o desenvolvemento do sector forestal como claves para garantir un emprego estable, innovación e sostibilidade.

As xornadas abordaron tamén o potencial do patrimonio industrial como motor cultural, social e económico. Espazos como o CIMIX exemplifican como a recuperación e posta en valor destes lugares poden converterse nun reclamo turístico e nun recurso para repensar o futuro económico da comarca.

O evento reuniu expertos, institucións e cidadáns comprometidos coa preservación da memoria industrial de Ferrolterra, subliñando o compromiso de traballar por novas iniciativas que sigan destacando o valor da comarca.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X