Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña e o Clúster Audiovisual Galego organizan “Novas formas de producir, vantaxes e promoción da Produción Virtual” no Plató Virtual CEI - Cidade das TIC

A Deputación da Coruña e o Clúster Audiovisual Galego organizan “Novas formas de producir, vantaxes e promoción da Produción Virtual” no Plató Virtual CEI - Cidade das TIC

O Clúster Audiovisual Galego e a Deputación da Coruña desenvolveron nas instalacións do plató virtual Coruña Estudio Inmersivo (CEI), situado na Cidade das TIC, a xornada formativa "Novas formas de producir, vantaxes e promoción da Produción Virtual", dirixida a directores, produtores e creadores e axentes do sector audiovisual galego.

O obxectivo da xornada consistiu en dar a coñecer o CEI, as instalacións e o seu funcionamento, así como as posibilidades da creación audiovisual baixo os parámetros da produción virtual.

Os asistentes puideron coñecer esta nova forma de rodar, crear e producir da man de prestixiosos profesionais do sector, especializados en VP, que explicaron os avances que están impulsando a adopción de técnicas de produción virtual, en termos de modernización, competitividade e internacionalización. Xa que a integración de tecnoloxías de produción virtual pode transformar non só os custos e a eficiencia na produción, senón tamén expandir o alcance creativo e narrativo nos proxectos cinematográficos.

Esta formación supuxo a primeira visita do sector ao CEI, cuxas obras acaban de rematarse e está prevista a súa posta en funcionamento para principios do novo ano. Unha oportunidade que sen dúbida aproveitaron ben as persoas os profesionais que desfrutaron das súas impoñentes instalacións e o equipamento que vai facer posible que a realidade virtual na provincia da Coruña sexa unha realidade de avances para o sector.

A acción formativa constou de 4 bloques, que puxeron en contexto a través dunha visión global e completa, o estado actual da VP, desde as boas prácticas e os sistemas máis axeitados para a captura de contornas e escenarios virtuais, as vantaxes competitivas e de produción do seu uso, o resultado obtido a través dun caso de éxito e por último, a incorporación de personaxes virtuais en produción, completando así todos os procesos necesarios para poder afrontar unha VP con garantías.

• Libro Branco da Produción Virtual e Assets Dixitais. Manuel Meijide, Director Mundos Digitales
esta presentación centrouse nos procesos de "boas prácticas" á hora de realizar unha produción virtual, e que recolle desde os aspectos tecnolóxicos, legais e xurídicos desta nova forma de rodar utilizando escenarios e personaxes virtuais 3D.

• Oportunidades da Produción Virtual. Oscar Olarte, Founder & CEO, MR Factory
Amosouse, a través de producións reais, os procesos que se levan a cabo para emprender unha rodaxe virtual, desde a preprodución, ata todos os procesos necesarios para a realización do mesmo.
Posibilidades técnicas, desagregación de guións para realizar orzamentos en base aos recursos técnicos necesarios, propiedade intelectual, dereitos de autor, así como o futuro da produción virtual, a través dos últimos sistemas baseados en desenvolvementos de Intelixencia Artificial.

• Caso de éxito. Videoclip inmersivo Robbie Williams. Fernando Ramírez, Axudante de Realización e Grafista Senior, 7 e Acción (El Hormiguero)
Esta conferencia centrouse na experiencia inmersiva de produción virtual realizada o 2 de decembro no programa "El Hormiguero". Xerouse unha singular disposición de pantallas, para que funcionara dun modo totalmente inmersivo ao situarnos no punto adecuado do set, coa finalidade de gozar dun videoclip no que a presenza física e dixital se funden para adentrarnos nos distintos escenarios que marcaron a carreira de Robbie Williams.

• Personaxes virtuais volumétricos. Víctor M. Feliz, Founder & CEO, The4DScanner
As rodaxes en platós virtuais fan necesario o uso de tecnoloxías que permitan a integración de personaxes virtuais volumétricos nos escenarios 3D. A tecnoloxía de captura volumétrica (deeplyVolumetric) revoluciona a industria cinematográfica e dos efectos visuais ao integrar á perfección elementos dixitais en secuencias da acción real. Ao capturar actores humanos reais en 3D, permite crear efectos visuais asombrosos e interaccións realistas. Axiliza a produción ao reducir a necesidade de extensas pantallas verdes e a edición de postprodución, proporcionando máis flexibilidade e control.

A continuación dos relatorios, celebrouse unha mesa debate para interactuar coas persoas asistentes, directores, produtores, creadores e axentes con capacidade de decisión á hora de optar por unha produción baixo estes novos parámetros de produción virtual.

O CEI é un proxecto promovido pola Deputación da Coruña e cofinanciado con fondos Next Generation EU polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España , dentro da liña de acción 1 da inversión 1 do Compoñente 25, relativo ao fomento, modernización e dixitalización do sector audiovisual.

logo financiado union europea nextgenerationeu.jpglogo-gobierno-españa.jpgplan-recuperacion-transformacion-resiliencia.png

 logo financiado union europea nextgenerationeu logo-gobierno-españa   logos Plan de Recuperacion

---
Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X