O Consello de Contas de Galicia destaca o papel da Deputación da Coruña na loita contra o despoboamento no rural
Un informe do organismo revela que o investimento da Deputación no rural "excede de forma unánime" ao importe das achegas do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, "que supón un 41,18% como media das contías executadas pola Deputación"
A Deputación da Coruña sobresae polo seu compromiso na loita contra o despoboamento do rural no último informe do Consello de Contas de Galicia sobre "Medidas adoptadas para abordar o reto demográfico nos concellos de menor poboación"
O documento realiza ao longo de 167 páxinas un exhaustiva análise das medidas e programas de reto demográfico impulsados polas administracións en Galicia e recolle algunhas das numerosas medidas impulsadas pola institución provincial coruñesa para mellorar a calidade de vida, fortalecer a economía local e preservar a cohesión social nos concellos rurais.
Un dos aspectos máis salientables do informe é o importante investimento que realiza a Deputación da Coruña nos concellos de reto demográfico, moi superior ao efectuado polo Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia.
O Consello de Contas subliña no informe que "o importe de gasto da Deputación excede de forma unánime ao importe das achegas do Fondo de Cooperación Local (FCL), que supón un 41,8% como media das contías executadas pola Deputación. O mesmo ocorre cos importes descargados da Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS), que son como media o 61,73% dos gastos realizados pola Deputación da Coruña".
Estes datos exemplifica o esforzo e a prioridade que a Deputación outorga ao apoio aos concellos máis vulnerables ao despoboamento.
Entre as accións máis destacadas, o informe sinala a mellora de infraestruturas e servizos públicos, que se canalizan fundamentalmente a través do Plan Único, onde destacan as obras de pavimentación e mellora de accesos viarios, fundamentais para reducir o illamento e favorecer a conectividade dos municipios.
Tamén se reflicte o impacto positivo de iniciativas de fomento do emprego, como a contratación de técnicos municipais de cultura, deportes, turismo ou servizos sociais, que contribúen á dinamización económica e social do territorio. Estas accións buscan non só crear oportunidades laborais, senón tamén fomentar o asentamento da poboación no rural.
O informe destaca ademais os programas orientados a mellorar o benestar social e comunitario, apoiando servizos sociais que contribúen directamente á calidade de vida da veciñanza: "Case o 60% das axudas se concentraron no financiamento dos servizos sociais comunitarios".
A Deputación aposta por seguir mellorando a eficiencia na execución destes recursos, conseguindo maximizar o impacto das súas actuacións e adaptando as súas liñas de intervención ás necesidades específicas de cada territorio. Estas accións reflicten unha aposta decidida por un modelo de desenvolvemento sostible que combina a preservación do patrimonio rural coa creación de novas oportunidades económicas e sociais.
Con estas iniciativas, a Deputación da Coruña consolídase como un exemplo de como as administracións provinciais poden liderar proxectos transformadores que contribúan a un futuro máis equilibrado e con mellores perspectivas para as zonas rurais.
Informe completo do Consello de Contas de Galicia en: https://www.ccontasgalicia.es/sites/consello_de_contas/files/contents/documents/2024/1702023-07_IF_Informe_Reto_Demografico_C.pdf