Formoso destaca a importancia de apostar pola innovación e a sustentabilidade para o futuro enerxético na súa visita a Genesal Energy, en Bergondo
Acompañado da alcaldesa, Alejandra Pérez, e dos directivos da empresa visitou as súas instalacións, que producen grupos electróxenos que venden en 40 países
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, visitaron este xoves a sede central de Genesal Energy, unha empresa 100% galega situada no polígono bergondés e dedicada ao deseño, fabricación e venda de grupos electróxenos adaptados ás necesidades dos seus clientes.
Formoso e Alejandra Pérez foron recibidos polo presidente do consello de administración da Genesal Energy, Guillermo Docampo; Julio Arca, co-CEO e director financeiro; José Manuel Fernández, co-CEO e director comercial e Ángeles Santos, presidenta da Fundación Genesal Energy e directora de RR.HH e Relacións Institucionais da empresa, cos que percorreron os 20.000 metros cadrados da factoría para coñecer o seu funcionamento e os seus produtos, que están presentes en 40 países.
Formoso destacou a importancia de que as empresas aposten pola innovación e a sustentabilidade medioambiental para que "a provincia da Coruña siga sendo o motor industrial e económico de Galicia".
"Ese motor está composto por moitas pezas e unha delas é Genesal Energy, que empezou de humilde e discretamente hai 30 anos nun sector moi competitivo como é o enerxético e que hoxe crea 140 empregos e ten presenza a nivel nacional e internacional", afirmou Formoso, que recalcou que "a aposta polo talento local e o investimento permanente en I+D" é fundamental no desenvolvemento de enerxías limpas que marcarán o futuro, a creación de produtos máis eficientes ou a implementación de prácticas menos contaminantes.
Neste sentido, a empresa desenvolveu iniciativas como a primeira fachada fotovoltaica de Galicia, que permite xerar 11.000 Kwh anuais, a equivalente á consumida por un edificio de oito plantas durante 30 anos, e traballa en proxectos innovadores que diminúan a pegada ambiental e permitan aproveitar os excedentes de xeración de enerxía eléctrica.
Durante a visita, tamén se presentou a Fundación Genesal, "un proxecto que me fai especial ilusión porque é moito máis que un complemento á nosa actividade. É a nosa forma de devolver á sociedade todo o que nos deu, afrontando grandes retos como a transición enerxética, a loita contra a pobreza enerxética ou o cambio climático, e fomentando valores como a sustentabilidade, a igualdade de xénero e a formación profesional dual, que é clave para preparar ás novas xeración", explicou o CEO de Genesal, Julio Arca.
Ademais, o percorrido incluíu unha parada especial no recentemente inaugurado belén de máis de 30 metros cadrados composto por figuras de Playmobil que instalou a compañía e que está sendo un fenómeno viral en redes, xa que ademais de polo seu tamaño, destaca pola súa orixinalidade.
O belén está inspirado na cidade da Coruña, ofrecendo a oportunidade de recoñecer personaxes populares, desde Julio César a King Kong, situados en escenarios emblemáticos da cidade, como o estadio de Riazor, a Torre de Hércules ou o Coliseo, nun formato cheo de detalles e sorpresas.
Parque Bergondiño
Antes da visita a Genesal, Valentín Formoso e Alejandra Pérez participaron no Concello nunha reunión cos portavoces dos grupos políticos da corporación municipal e visitaron o parque de Bergondiño, recentemente renovado cun investimento de 128.247 euros do Plan Único (POS+2023).
O parque conta con xogos infantís adaptados, rocódromo para escalada, parque biosaudable para os maiores e área deportiva e de lecer, con novo mobiliario urbano, converténdoo nun espazo versátil e un punto de encontro interxeracional para o lecer da veciñanza.