A Deputación financia con 35.000 euros o programa Arrolarte e outros proxectos pola igualdade da Universidade da Coruña
A deputada Soledad Agra e o reitor Ricardo Cao Abad asinaron esta mañá o convenio, polo que a institución provincial achega o 80 por cento do orzamento presentado pola UDC
A Universidade da Coruña contará co financiamento da Deputación para varios dos proxectos pola igualdade que desenvolveu en 2024. A deputada Soledad Agra e o reitor Ricardo Cao Abad asinaron esta mañá o convenio, polo que a institución provincial achega 35.000 euros, o 80 por cento do orzamento presentado pola UDC.
No acordo entran o programa Arrolarte —de coidados e autocoidados feministas—, outro de liderado con perspectiva feminista, varias propostas para a sensibilización de homes como aliados do feminismo, a instalación de 'puntos violeta' de información sobre a igualdade e contra a violencia machista, e unha guía para acollemento e acompañamento a vítimas.
Agra puxo en valor un convenio que apoia "políticas absolutamente necesarias, que compartimos o departamento de Igualdade provincial e a Universidade coruñesa, como a formación, a sensibilización e a comunicación; a prevención e intervención fronte ás diferentes formas de violencia de xénero, ou a conciliación e a corresponsabilidade".
O ámbito universitario é "un espazo moi axeitado para poñer en funcionamento políticas de igualdade", dixo a deputada, quen destacou, de entre todas as propostas que financia o convenio asinado hoxe, as que involucran "aos homes que cuestionan o modelo tradicional de masculinidade e se comprometen no desenvolvemento de todas as persoas e na consecución dunha sociedade máis xusta e igualitaria".