A adaptación do Mercado Cultural de Fisterra como novo centro cultural terá unha subvención provincial de 200.000 euros
O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, e a alcaldesa Áurea Domínguez asinaron o convenio, que supón o case 39 por cento do orzamento total da obra
A Deputación da Coruña achegará 200.000 euros para os traballos de adaptación do actual Mercado Cultural de Fisterra como novo centro cultural, no andar superior do mercado municipal. O deputado de patrimonio, Xosé Penas, e a alcaldesa fisterrá, Áurea Domínguez, asinaron o acordo, que supón case o 39 por cento do orzamento total da obra.
Deputado e rexedora salientaron a importancia do acordo, pois Fisterra é un dos poucos concellos da provincia, e o único da Costa da Morte, que non conta cunhas instalacións propias para desenvolver actividades de promoción, dinamización, divulgación, ocio e lecer no eido da expresión cultural e artística.
"Trátase", dixo Penas, "dun problema que vén xa de lonxe e que, desde hai décadas, vén condicionando a posta en marcha e desenvolvemento de programas da promoción da cultura, arte, teatro, conferencias e outras actividades; nomeadamente, aquelas vinculadas coa forza simbólica que a transmisión oral e os costumes desta vila e concello teñen en relación co mundo cultural mariñeiro galego e atlántico".
Para Penas, "Fisterra necesita hoxe unhas instalacións modernizadas e o suficientemente dotadas para favorecer a participación e implicación da súa veciñanza e as e os seus visitantes en todo tipo de promoción de actividades culturais e da expresión artística, foros ou debates".