Estás en:Emprego Novas

A Deputación e Orgullo Galego presentan un programa para fomentar o uso do galego nas redes sociais

O proxecto 'O galego e as redes sociais' inclúe obradoiros en centros de ensino público de secundaria da Costa da Morte e Soneira para dar a coñecer o que está acontecendo no mundo dixital entorno á lingua galega entre a mocidade e promover o seu uso

A deputada de lingua, Soledad Agra, puxo en valor o traballo do creador de 'Orgullo Galego', Borja Iglesias, de difusión da lingua galega "polo que decidimos traballar con el para fomentar o seu uso entre a rapazada a través dunha ferramenta tan valiosa como as redes sociais", sinalou

A Deputación e Orgullo Galego presentan un programa para fomentar o uso do galego nas redes sociais

A área de lingua da Deputación presentou esta mañá o programa 'O galego e as redes sociais' que desenvolve en colaboración con Orgullo Galego. A deputada, Soledad Agra, e o responsable do medio dixital, Borja Iglesias, deron a coñecer os detalles deste proxecto que nace para fomentar o uso do galego nas redes sociais, e amosar os contidos que se están desenvolvendo entre a mocidade.

En concreto, realizaranse 20 obradoiros en centros de ensino público de secundaria da Costa da Morte e Terras de Soneira, impartidos por Orgullo Galego, unha comunidade en redes que naceu en 2016 e que na actualidade conta coa comunidade máis grande en lingua galega. "O seu traballo a prol da difusión e da cultura e da lingua galega é extraordinario, polo que quixemos traballar con el para fomentar o seu uso entre a rapazada, a través dunha ferramenta tan valiosa como son as redes sociais" sinalou a deputada.

"Podemos facer un gran traballo para potenciar o galego nas redes sociais, por iso queremos animar a crear contido na nosa lingua, e tamén amosar todo que se está facendo agora mesmo, que é moito e dunha gran calidade" afirmou Soledad Agra, "de aí este proxecto que desenvolvemos da man dun dos creadores dixitais de referencia no país".

O responsable de Orgullo Galego, Borja Iglesias, explicou o detalle destas charlas, "nas que amosamos a situación actual da lingua nas redes sociais, a súa evolución dende os anos 90, e vemos as canles que hai en galego que falan de temas moi diversos: deporte, ciencia, cultura, tecnoloxía...". Ademais, "mostramos que a lingua galega non é un atranco para crear contido, xa que nos permite chegar a milleiros de persoas de todas as partes do mundo, como é o caso de Orgullo Galego". Estes obradoiros, que xa se desenvolveron noutros centros de Galicia, "teñen unha resposta moi boa, tanto entre os e as galegofalantes como os que non o son. Incluso a raíz destas charlas xurdiron algúns podcast, emisións en Twitch e canles de YouTube en galego".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X