A deputada Soledad Agra visita Boiro para coñecer as principais liñas de traballo en materia de igualdade
Acompañada polo alcalde, José Ramón Romero, o concelleiro de Política Sociais, Raúl Treus, e as concelleiras de Ensino, Carmen Silva; e cultura, María Outeiral, durante a visita estiveron tamén co grupo de voluntariado Turbina
A deputada de igualdade, Soledad Agra, visitou o Concello de Boiro para coñecer o seu traballo en materia de igualdade e grupo de voluntariado Turbina. Na visita estivo acompañada polo alcalde, José Ramón Romero, o concelleiro de Política Sociais, Raúl Treus, e as concelleiras de Ensino, Carmen Silva; e cultura, María Outeiral.
O alcalde explicoulle os principais programas que se desenvolven en materia de igualdade como é o programa Muller e Saúde, que desenvolve actividades durante todo o ano que buscan promover o benestar físico, mental e emocional da muller. Así como tamén un protocolo que comezou a implementarse este ano para a prevención de violencias no ocio e mediante o cal se lle deu formación aos locais de hostalaría e membros de asociacións e comisión de festas para saber como actuar.
Durante a visita estiveron tamén co grupo de voluntariado Turbina, un grupo de mozos e mozas que, xunto co educador social do Concello, desenvolven actividades de promoción da diversidade como é o Día do Orgullo ou as Raíñas Magas, e colaboran coa Deputación e outras entidades.
A deputada, Soledad Agra, salientou o traballo do Concello, "é fundamental o labor que se fai dende cada concello da provincia para seguir promovendo a igualdade real das mulleres, tamén dende o local" e tamén da asociación. "É un auténtico orgullo ver como asociacións como Turbina, con recursos limitados, fan un traballo de tanto impacto e relevancia para a sociedade".