A Deputación da Coruña e a Fundación de Ferrocarrís Españoles coordinan accións conxuntas para a promoción da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle
O presidente da Deputación e o director xerente da Fundación reuníronse hoxe para establecer as bases de novas liñas de colaboración co obxectivo de facer da Vía Verde un referente no eido do turismo sostible en Galicia
A Vía Verde será este ano unha das apostas da Deputación en FITUR
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o director xerente da Fundación de Ferrocarrís Españoles, José Ramón Sempere, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo para establecer as bases de colaboración en accións de impulso e promoción da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, a maior de Galicia e unha das máis extensas da Península Ibérica.
Durante a reunión, abordouse a importancia de impulsar accións que contribúan á promoción e posta en valor desta infraestrutura, que recupera o trazado da antiga liña de ferrocarril convertida agora nunha senda accesible e sostible de 26 quilómetros de lonxitude, aos que este ano se engadirán outros 10 km coa incorporación dos tramos Santiago-Oroso. A Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, que atravesa paisaxes de gran valor natural e patrimonial, é unha aposta da Deputación da Coruña pola mobilidade sustentable, o turismo activo e o desenvolvemento rural.
A estreita colaboración da Deputación coa Fundación de Ferrocarrís e a Asociación de Concellos da Vía Verde permite accións como a dixitalización da vía, que vén de completarse e que permitirá realizar un percorrido virtual desta con vistas de 360 graos a través de Google Maps Street View, a mellora da sinalización e servizos para as persoas usuarias, ou actividades de promoción da Vía Verde en feiras de turismo especializadas que se desenvolven en países europeos nos que a Fundación conta con presenza.
A Vía Verde, protagonista en FITUR
Formoso destacou que a Vía Verde será tamén un dos protagonistas da presenza da Deputación da Coruña este ano en FITUR, onde se presentará o programa "Deportistas na Vía" no que deportistas coruñeses de elite, entre eles Iván Raña, actuarán como embaixadores da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle para atraer novos públicos interesados no turismo activo e no deporte.
O presidente da Deputación subliñou que "a colaboración coa Fundación de Ferrocarrís Españoles permitirá potenciar esta vía como un motor de dinamización socioeconómica, á vez que se promove o coidado do medio ambiente e a posta en valor do noso patrimonio ferroviario".
A Deputación da Coruña seguirá impulsando accións e colaboracións con concellos e entidades para facer da Vía Verde un referente no eido do turismo sostible en Galicia.