Estás en:Emprego Novas

Regueira visita o resultado das obras de rehabilitación da Capela do Pazo de Goiáns

A Deputación cofinanciou o proxecto, aportando un 80% do importe total da actuación que consistiu en realizar unha consolidación, sen alterar a estética, dos restos conservados integramente así como rehabilitar a cuberta, os muros e as carpinterías e instalar nova iluminación nunha edificación que se atopaba nun estado de deterioro avanzado

Regueira visita o resultado das obras de rehabilitación da Capela do Pazo de Goiáns

O Pazo de Goiáns acolleu esta mañá a visita do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, que estivo acompañado do alcalde de Boiro, José Ramón Romero, para coñecer o resultado das obras de rehabilitación da Capela do Pazo. Esta actuación contou co cofinanciamento da entidade provincial.

As actuacións realizadas na capela ascenderon aos 110.133,81 euros dos que a administración provincial aportou un 80% e que permitiron realizar unha consolidación, sen alterar a estética, dos restos conservados integramente así como rehabilitar a cuberta, os muros e as carpinterías e instalar nova iluminación nunha edificación que se atopaba nun estado de deterioro avanzado.

O vicepresidente, Xosé Regueira, felicitou ao alcalde e ao equipo de goberno polo "excelente resultado das obras de rehabilitación dun espazo tan emblemático como este". Regueira puxo en valor o esforzo municipal "ante un reto tan significativo como o de recuperar esta Capela" e, neste sentido, sinalou que "dende a Deputación temos o compromiso de intentar axudar aos concellos a preservar o seu patrimonio e poñelo ao servizo da cidadanía". Agradeceu ao alcalde a "sensibilidade" e destacou a relevancia do Pazo de Goiáns, "que agora mesmo fai servizo de país para toda Galicia".

Pola súa parte, o alcalde, José Ramón Romero, agradeceu a implicación da Deputación da Coruña "por axudarnos a levar a cabo esta actuación importante para seguir recuperando o noso patrimonio do Pazo de Goiáns para poñer a disposición da veciñanza para o seu uso e desfrute".

A Capela de Goiáns que se vén de rehabilitar foi fundada en 1630 por don Jorge Varela de Castro Sotomayor, quinto morgado do pazo de Goiáns. Naquel momento, a súa tribuna comunicábase coa vivenda mediante unha escaleira exterior que daba a unha pequena terraza, desde a que se accedía a través dunha porta á sala do reloxo do pazo, co obxectivo de resgardar aos señores e á familia das inclemencias meteorolóxicas. Dedúcese que, probablemente, sobre os cimentos da antiga capela, edificouse a actual.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X