Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña e EspazoCoop renovan o seu convenio para fomentar o cooperativismo e a economía social

A Deputación da Coruña e EspazoCoop renovan o seu convenio para fomentar o cooperativismo e a economía social

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a presidenta da Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop, Ana Olveira, asinaron esta mañá na sede da institución provincial un convenio de colaboración co obxectivo de fomentar o traballo e función das cooperativas, ademais de promover a economía social.

Ambas dúas entidades levan anos traballando para impulsar e promover o traballo que fan as cooperativas da provincia da Coruña. Ademais, organizan diferentes iniciativas de maneira conxunta como son charlas, xornadas formativas ou campañas de promoción.

Formoso destacou "a importancia do cooperativismo no desenvolvemento do rural de Galicia", salientando que na comunidade hai rexistradas actualmente 1.900 cooperativas, das que preto de 800 localízanse en pequenos municipios rurais, "creando emprego e actividade económica que contribúe á fixación de poboación".

Pola súa banda, Ana Olveira sinalou que "a provincia da Coruña ten un importante tecido socioeconómico cooperativo que representa a máis do 40 % do total da comunidade. Agradecemos a súa colaboración á Deputación da Coruña xa que a través deste convenio poderemos continuar traballando no desenvolvemento e promoción do cooperativismo na provincia "

Obxectivos do convenio de colaboración

Os principais obxectivos deste convenio de colaboración son divulgar e difundir as posibilidades que ofrecen as fórmulas de economía social, nomeadamente o cooperativismo, para a xeración de emprego, ademais de xerar novos postos de traballo de calidade vencellados á economía social e máis concretamente ao cooperativismo, explorando as posibilidades que ofrecen as novas liñas e sectores de actividade. Tamén se busca garantir a reactivación e supervivencia da actividade e mantemento de emprego das pequenas cooperativas da provincia da Coruña, servindo de apoio ás entidades locais para o fomento do tecido económico e empresarial.

No marco deste convenio fomentarase o emprendemento en cooperativa a través de xornadas e obradoiros, ademais de consolidar esta modalidade empresarial mediante programas de titorización e acompañamento a empresas cooperativas en funcionamento da provincia da Coruña en materias como información xurídica, análise e mellora da área comercial, organizativa, económica ou planificación, entre outras.

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X