Estás en:Emprego Novas

A Deputación da Coruña inicia 2025 cun investimento récord de 10,8 millóns de euros nos concellos de Barbanza

Os concellos da zona reciben este ano un 72% máis de fondos na primeira achega do Plan Único
O presidente, Valentín González Formoso e a deputada de plans Cristina García presentaron hoxe en Ribeira o balance do POS+ nos concellos da comarca, onde se financiaron 587 obras e se investiron 89,5 millóns de euros
Formoso instou á Xunta de Galicia a que "incremente ata os 200 millóns de euros, outorgados de xeito directo e obxectivo, a liña que ten agora mesmo disposta para financiar aos concellos galegos"

A Deputación da Coruña inicia 2025 cun investimento récord de 10,8 millóns de euros nos concellos de Barbanza

A Deputación da Coruña inicia o ano cun investimento histórico nos concellos da comarca de Barbanza través do Plan Único (POS+2025), que destina 10.816.565 euros á zona. Esta cifra supón un incremento do 72% respecto ao orzamento inicial do ano pasado, converténdose no maior investimento inicial desde a creación do plan en 2017.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, xunto á deputada de Plans, Cristina García Rey, visitou esta mañá o Concello de Ribeira, onde foron recibidos polo alcalde, Luís Pérez Barral, e os membros da corporación municipal para presentar o balance do POS+ nos concellos da comarca. Desde a súa posta en marcha, o Plan Único leva mobilizados preto de 89,5 millóns de euros nos municipios da área de Barbanza, permitindo financiar 587obras e numerosos servizos públicos e programas sociais.

Durante o acto, Formoso destacou que "estamos ante o Plan Único co maior orzamento inicial da historia da Deputación", subliñando a súa importancia para que os concellos, independentemente do seu tamaño, poidan executar proxectos clave en infraestruturas, servizos municipais e benestar social. "Falamos de mellora de rúas e espazos públicos, de servizo de axuda no fogar para os maiores, de novos espazos culturais e deportivos ou de escolas infantís", sinalou, antes de definir o Plan Único como "o baluarte do financiamento de servizos públicos e un piar básico de investimento dos concellos da provincia".

Falta de financiamento local da Xunta

Tamén puxo o foco no impacto do aumento dos custos nos servizos municipais e na falta de apoio da Xunta de Galicia, que obriga ás administracións locais a asumir competencias autonómicas sen o financiamento axeitado. "Mentres o Fondo Galego de Cooperación Local da Xunta destinou 116 millóns aos 313 concellos de toda Galicia, a Deputación investiu o ano pasado máis de 100 millóns só nos municipios coruñeses. Este 2025, a Deputación investirá máis nos concellos da provincia Coruña que a Xunta en todos os concellos de Galicia", afirmou.

"Unha soa Deputación financia de xeito directo e obxectivo, sen ningún tipo de carga política, aos seus concellos por enriba do que fai a Xunta de Galicia nas catro provincias galegas", matizou Formoso. O presidente provincial aproveitou para instar ao goberno autonómico a que "incremente ata os 200 millóns de euros outorgados de xeito directo e obxectivo a liña que ten agora mesmo disposta para financiar aos concellos, que na actualidade é de 116 millóns".

Pola súa banda, a deputada de Plans Provinciais, Cristina Rey García, lembrou que que o Plan Único "foi creado no ano 2017" e permitiu "deixar atrás os plans finalistas e promover unha maior autonomía municipal". Neste sentido, Rey expuxo que "agora son os gobernos dos concellos quen, en función da súa realidade, deciden cales son os proxectos prioritarios. Isto responde á realidade do noso país e da nosa provincia, xa que temos concellos con realidades, necesidades e prioridades moi distintas e deste xeito a xestión dos recursos públicos é moito máis eficiente".

A maiores, a deputada sinalou que o Plan Único é unha "ferramenta que promove un impacto positivo na vida da veciñanza, mais tamén un impulso para a economía local, ao promover a contratación de pequenas e medias empresas de construción, enxeñerías e outras de sectores relacionados". "Non só se asegura a execución de obras necesarias senón que tamén se axuda a fortalecer o tecido empresarial local, se consolida o emprego e contribúese a fixar poboación", finalizou.

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, destacou que o Plan Único da Deputación achega este ano case 1,7 millóns de euros ao seu concello, unha cantidade que permitirá realizar actuacións en "materia de saneamento, auga potable, iluminación ou pavimentación, ademais de equipamento como parques infantís ou zonas deportivas e verdes".

Pérez recalcou que esta iniciativa "é un exemplo para outras administracións, xa que están achegando unha cantidade importante de servizos públicos aos concellos e é un exemplo para moitas outras administracións porque o fai a través de criterios obxectivos e transparentes". "Desde Ribeira queremos dar as grazas á Deputación por esa xestión dos seus fondos propios, que están dando vida aos concellos e servizos fundamentais á poboación", apuntou.

Un financiamento sen precedentes para os concellos

Os 11concellos da comarca de Barbanza recibirán un investimento récord na primeira achega do Plan Único de 2025. Ribeira encabeza a listaxe con 1.646.437 euros, seguido de Boiro (1.367.626€), Mazaricos (1.165.983 €) e Porto do Son (1.015.406 €) e Noia (931.078 €). Muros, Outes, Rianxo, A Pobra, Lousame ou Carnota tamén verán incrementadas as achegas da Deputación para acometer proxectos estratéxicos en infraestruturas, servizos sociais e dinamización local.

O POS+2025 permitirá mellorar estradas, abastecemento e saneamento de auga, iluminación pública e equipamentos culturais e deportivos. Ademais, destínanse 7 millóns de euros en toda a provincia –880.418 euros na comarca barbanzana– a reforzar programas sociais municipais para os colectivos máis vulnerables.

Un modelo de éxito recoñecido

Desde a súa creación en 2017, o Plan Único consolidouse como o maior programa de obras e servizos das deputacións galegas e un dos máis importantes do Estado. O modelo do POS+ simplifica a xestión administrativa e garante que os concellos poidan decidir con autonomía o destino dos fondos segundo as súas necesidades.

Ribeira é un exemplo do impacto positivo do Plan Único, con melloras en infraestruturas, servizos públicos e dinamización da actividade social e económica.

Desde 2017, o municipio recibiu máis de 15,4 millóns de euros, que permitiron financiar un total de 117 obras e numerosos proxectos fundamentais para a veciñanza, entre eles a cuberta téxtil do parque infantil das Abesadas, na que se investiron 94.154 euros, ou as obras de pavimentación e renovación de servizos da rúa Curbelo (91.660 euros) que hoxe supervisaron o presidente da Deputación, a deputada e o alcalde de Ribeira.

 

 

CONCELLO

 

POS+2025

 

POS+ TOTAL

2017-2025

 

OBRAS

Boiro

1.367.626,74 €

11.730.006,66 €

63

Carnota

631.469,39 €

4.965.327,52 €

41

Lousame

704.011,03 €

6.098.589,96 €

44

Mazaricos

1.165.983,10 €

8.954.507,64 €

32

Muros

862.017,14 €

7.251.051,49 €

43

Noia

931.078,50 €

7.366.160,36 €

33

Outes

904.087,04 €

8.132.602,19 €

83

Pobra do Caramiñal (A)

699.462,31 €

5.199.944,20 €

31

Porto do Son

1.015.406,07 €

8.201.352,75 €

58

Rianxo

888.986,30 €

6.073.125,70 €

42

Ribeira

1.646.437,66 €

15.483.091,47 €

117

 

TOTAIS

10.816.565,28 €

89.455.759,94 €

587

 

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X