"Somos pandeireteiras", a nova lectura na sala Arredor dos libros
A obra Somos pandeireteiras, de Mercedes Peón e outras, do 12 de maio ao 2 de xuño, será a nova lectura na Sala Arredor dos libros, e con ela achegámonos ao día das nosas letras.

Estamos a piques de iniciarmos unha nova lectura na sala "Arredor dos libros", dentro do Club de lectura virtual da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña. Con ela achegámonos tamén a unha das datas máis importantes do calendario galego, o Día das Letras.
Lembra:
- "Somos pandeireteiras", de Mercedes Peón e outras.
- Moderado por Patricia Cernadas
- Do 12 de maio ao 2 de xuño
- Accede aquí: https://ebiblioclub.dacoruna.gal/clubs/5c3de001b5c073c400760a38/info
Sobre a obra
Esta é a historia dunha serie de mulleres que, coa pandeireta na man, eran libres. Tal e como afirma Mercedes Peón no limiar, eran «libres de tocar, de berrar, de aloumiñar coa voz, de disociar e ornamentar mentres tiñan o seu transo en colectividade, libres de facer a foliada, donas do serán e donas da palabra».
A partir do recoñecemento desa liberdade, naceu o proxecto «Somos Pandeireteiras», o lugar onde a centralidade estaría ocupada por un pronome feminino plural: nosoutras. Este libro é unha consecuencia dese proxecto de pensamento e articulación social e cultural impulsado pola sororidade e promovido pola investigadora, pandeireteira e compositora Mercedes Peón.
Nas súas páxinas, seis mulleres galegas contemporáneas (Ana Romaní, María Reimóndez, Andrea Nunes, Susana Sanches Arins, Mercedes Peón e Selina Otero) recollen o testemuño desde a súa propia palabra.
---
Máis información sobre o noso Club de lectura en: https://dacoruna.gal/biblioteca/ebibliodacoruna/ebibliotecadacoruna-club-lector/