A Deputación apoia con 1,5 millóns de euros o traballo das entidades sociais da provincia
Un total de 44 entidades benefícianse de 1 millón de euros en axudas para o funcionamento de centros de día, residencias, centros ocupacionais ou de atención á infancia
Outras 32 entidades reciben medio millón de euros para financiar servizos, programas ou activades sociosanitarias dirixidas a persoas con diversidade funcional ou enfermidades crónicas

A Deputación da Coruña destina este ano 1,5 millón de euros para apoiar ás entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia no mantemento dos seus centros e de programas sociosanitarios e terapéuticos dos que se benefician centos de persoas da provincia con discapacidade ou enfermidades crónicas.
A concesión destas liñas de subvencións vén de publicarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o pasado xoves, 10 de abril. Son un total de 76 axudas, que oscilan entre os 1.000 e os 54.800 euros.
Un total de 44 asociacións benefícianse este ano de 1 millón de euros en axudas da Deputación para o funcionamento de centros, que inclúen residencias, centros de día, ocupacionais ou de atención á infancia, entre outros.
Entre elas destacan o centro Ricardo Baró de Aspronaga (Oleiros) para persoas con discapacidade intelectual, o centro de rehabilitación psicosocial e inserción laboral para persoas con con trastorno mental severo e crónico "A Creba" de Noia, os apartamentos tutelados "O teu fogar, o teu futuro" de Down Coruña, o centro de día de Adaceco, as asociacións de familiares de enfermos de Alzheimer da Coruña (AFACO) e Ferrol (AFAL), a unidade de día da Asociación Ferrolá de Drogodepedencias (ASFEDRO) ou a Asociación Íntegro de persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.
Na liña para programas sociosanitarios, a Deputación destina outros 500.000 euros para apoiar a 32 entidades na súa oferta de servizos, programas ou activades de carácter sociosanitario dirixidas a persoas enfermas -xeralmente crónicas- que polas súas especiais características poden beneficiarse da atención simultánea e sinérxica dos servizos sanitarios e sociais para aumentar a súa autonomía, paliar as súas limitacións, favorecer a rehabilitación e a súa integración social.
Algunhas patoloxías coas que traballan as entidades financiadas son a saúde mental, a anorexia e a bulimia, o cancro, a esclerose múltiple, a ELA, o Alzheimer, a fibrose quística, o Párkinson ou as enfermidades reumáticas, entre outras.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a importancia destas axudas para apoiar o funcionamento de entidades sociais que "contribúen a mellorar a vida de miles de persoas especialmente vulnerables e as súas familias" e subliñou "o traballo fundamental" destas asociacións. "Xa sexa no ámbito da exclusión social, da discapacidade, da loita contra a pobreza ou na atención á infancia e ás persoas maiores, estas organizacións son nun piar esencial para construír unha sociedade máis equitativa e inclusiva", afirmou.
Este ano, a Deputación da Coruña destinará 4,5 millóns de euros en diferentes liñas de axudas para apoiar a actividade de máis de 270 entidades sociais da provincia a través de diferentes programas que financian actividades, gastos de funcionamento e persoal, melloras ou ampliacións de sedes e dotación de vehículos para o transporte de persoas con necesidades especiais.
Ligazón ao BOP:
https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/04/10/2025_0000002292.pdf
https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/04/10/2025_0000002293.pdf