O PEL da Deputación da Coruña concedeu 245 axudas no concello de Cee dende a súa creación
A deputada provincial Rosa Ana García e a alcaldesa Margarita Lamela visitaron hoxe dúas empresas beneficiarias da edición 2025: Xestoría Lariño Ares e Liresca.
Dende a súa creación en 2017, este programa inxectou 1,6 millóns de euros no municipio en apoios á contratación e axudas ao investimento

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, e a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, visitaron hoxe dúas empresas do concello que foron beneficiarias do Plan de Emprego Local (PEL) 2025 da Deputación da Coruña: Xestoría Lariño Ares e Liresca. Durante estes encontros, a deputada e a alcadesa fixeron fincapé na importancia do PEL para facer un tecido empresarial máis forte e incentivar a contratación na comarca.
Por unha banda, a Xestoría Lariño Ares botou a andar no ano 2004 liderada pola autónoma María Lariño Ares, quen segue á fronte deste negocio que ofrece servizos de asesoramento laboral, fiscal, contable e mercantil dende as súas oficinas de Cee e Fisterra. Actualmente conta con tres traballadoras, contratadas indefinidamente. Nos últimos anos, Xestoría Lariño Ares logrou captar 34.000 euros en axudas do PEL, un apoio clave para contratar unha persoa extra que lle permitiu ampliar os seus servizos a cuestións relacionadas con liquidacións, cálculos, organización e despacho de correspondencia e elaboración de instancias e escritos.
Pola outra banda, Liresca é unha casa rural situada na parroquia de Lires, nun enclave que a fai moi atractiva para os turistas da Costa da Morte. Por ela pasan, entre outras, a ruta peregrina do Camiño de Santiago que conduce ata Fisterra e Muxía ou o Camiño dos Faros. Antiga casa de labranza do século XIX, ofrece oito habitacións perfectamente restauradas para que as persoas que a escollen como hospedaxe desfruten dun turismo comprometido co medio no que se atopa e que aposta polos produtos de proximidade.
Dirixida por María Victoria Area, quen tamén é a propietaria do establecemento, conta co singular "Espazo Liresca", unha sala de exposicións e biblioteca que acolle diversas actividades culturais. Nos últimos anos, Liresca foi quen de renovar as súas instalacións, os seus equipos e aplicacións informáticas e de incluír novos servizos grazas aos 70.000 euros que a Deputación lle concedeu a través do PEL.
Dende a creación deste programa no ano 2017, o organismo provincial concedeu 245 axudas en Cee. Estas inxectaron máis de 1,6 millóns de euros, distribuíndose en 1,1 para apoios á contratación de pequenas e medianas empresas e medio millón en axudas ao investimento, que beneficiaron a organismos públicos e empresas privadas. Nesta anualidade, o PEL ten un orzamento de preto de nove millóns de euros para potenciar a competitividade das pemes, fomentar o emprego e apoiar aos autónomos en toda a provincia.
Rosa Ana García lembrou o compromiso da institución provincial co desenvolvemento económico sostible e coa creación de emprego no ámbito local, recalcando o papel da colaboración público-privada como solución aos retos do futuro.