A Rede Cultural 2025 pecha a súa axenda cun programa de 1184 espectáculos
A Deputación realizará no circuíto un investimento final de 1,5 millóns de euros
Ataque Escampe, Familia Caamagno, Grampoder, Quico Cadaval, Mofa e Befa, Excéntricas, Guadi Galego, Mercedes Peón, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Pakolas, Los Limones, Os Revenidos, Tam Tam Go!, Silvia Penide, Néstor Pardo ou Nova Galega de Danza son algúns dos protagonistas da programación deste ano
"Con esta nova edición da Rede Cultural consolidamos un modelo descentralizado, sostible e participativo, que sitúa a cultura como un dereito e un servizo público. A cultura crea comunidade, xera emprego e, sobre todo, emociona e transforma. E desde a Deputación seguiremos traballando para que ese dereito chegue a todos os recunchos da provincia", sinalou a deputada de Cultura, Natividade González.

A Rede Cultural 2025 da Deputación da Coruña programará 1184 espectáculos, nunha axenda que chegará a todos os concellos do territorio e que estará aberta ata o 31 de marzo de 2026. O investimento final da administración provincial no circuíto alcanza os 1.521.024 euros.
Teatro, monicreques, maxia, danza, música, cinema, narración oral e outros contidos para a dinamización social do galego completan un catálogo que se distribúe así:
- Escena ao vivo, programa de propostas profesionais de teatro e monicreques, maxia, danza e música para concellos: 847 espectáculos (469 de teatro e monicreques, 264 concertos, 80 de maxia e 34 de danza).
- Visións, programa profesional de cinema e contidos audiovisuais para concellos: 64 filmes.
- Lingua a escena!, programa de espectáculos profesionais de música, teatro, danza, maxia, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega, para concellos: 128 actuacións.
- Alicerce, programa de grupos de música, danza e teatro non profesional para concellos e entidades: 145 espectáculos.
A Deputación asume o 75% do orzamento das actuacións da Rede Cultural en concellos de menos de 5.000 habitantes, o 60% nos que teñen entre 5.001 e 10.000, o 50% nos de entre 10.001 e 20.000, o 40% nos de entre 20.001 e 50.000 e finalmente un 30% nos máis de 50.001.
"Con esta nova edición da Rede Cultural consolidamos un modelo descentralizado, sostible e participativo, que sitúa a cultura como un dereito e un servizo público", sinala a deputada de Cultura, Natividade González. "A cultura", engade, "crea comunidade, xera emprego e, sobre todo, emociona e transforma; e desde a Deputación seguiremos traballando para garantir este dereito en todos os recunchos da provincia".
Para González, "a cultura é un motor de desenvolvemento social e económico, e este investimento permitirá achegar a todos os concellos da provincia, mesmo aos máis pequenos, un programación diversa e de calidade que reflicte a riqueza e o talento do sector, desde o teatro á música, a danza, o cinema, a maxia ou a narración oral".
O departamento de Cultura provincial segue apostando, segundo a Deputada, "por un circuíto que tece redes e que, desde a proximidade e en colaboración coas administracións locais, enriquece a vida da veciñanza, ademais de proporcionar un espazo de traballo relevante e ofrecer oportunidades profesionais a compañías e artistas".
A axenda de espectáculos pódese consultar na sección de Cultura da páxina web da Deputación.
A resolución de adxudicación aos concellos dos espectáculos da Rede Cultural 2025 pode consultarse no BOP do 29 de abril.