Estás en:Emprego

A Deputación aproba investir 786.626 euros a mellorar o estado de estradas provinciais en Miño, Pontedeume e A Laracha

O pleno deu luz verde a destinar 498.393,65 euros a renovar o firme en 3,4 quilómetros da estrada DP-2404 entre A Laracha e A Silva.

Destinaranse outros 288.232,84 euros a dotar á DP-4802 entre Miño e Pontedeume dunha nova capa de rodadura

A Deputación aproba investir 786.626 euros a mellorar o estado de estradas provinciais en Miño, Pontedeume e A Laracha

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe por unanimidade dous investimentos para mellorar o estado de dúas estradas provinciais, sumando entre ambos un orzamento de 786.626,49 euros. Concretamente trátase dunha actuación na DP-2404 entre A Laracha e A Silva e outra na DP-4802, que conecta os núcleos de Miño e Pontedeume.

No caso da obra na vía entre A Laracha e A Silva, a Deputación destinará 498.393,65 euros a renovar o pavimento en dous tramos diferentes, que combinados suman 3,4 quilómetros. Actuarase entre os puntos quilométricos 7+300 a 8+100 e 8+900 a 11+500 e o que se proxecta é, ademais do reasfaltado, a limpeza de cunetas, a reparación do firme nas zonas deterioradas, a drenaxe en puntos nos que nace auga e a instalación de cunetas de formigón naqueles nos que se acumula, e a renovación da sinalización, tanto vertical coma horizontal.

Cabe destacar a magnitude da obra, que ten un prazo de execución de 5 meses dende a adxudicación, pois renovará por completo máis dunha quinta parte do pavimento da vía, que ten unha lonxitude total de 15,1 quilómetros.

Pola outra banda, o proxecto de reforzo do firme na DP-4802 entre Miño e Pontedeume ten como obxectivo mellorar as condicións de seguridade da circulación na vía. A obra efectuarase en dous tramos diferentes, o primeiro deles entre o PQ 0+650 e o PQ 1+900; e o segundo comprende dende o PQ 4+600 ata o PQ 5+500.

Estes traballos, orzados en 288.232,84 euros, son necesarios polos efectos climáticos do pasado inverno na superficie da calzada, quedando esta deteriorada. Así, búscase poñer remedio mediante arranxos puntuais e a dotación dunha nova capa de rodadura. Esta intervención ten un prazo de execución de 3 meses.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X