Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña premia o traballo das entidades sociais da provincia

COGAMI, EAPN Galicia, FEGADEM, Asociación Raíña Paraíso, Fundación Meniños e Asociación Arraianas, galardoadas cos premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais

A xornalista de La Voz de Galicia Beatriz Abelairas recibiu un recoñecemento como mellor comunicadora social

Formoso destaca o traballo das persoas que traballan no ámbito social: "Sodes a luz que moitos necesitan para manter a esperanza "

A Deputación da Coruña premia o traballo das entidades sociais da provincia

A Deputación da Coruña entregou este mércores os IV Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais, uns galardóns que recoñecen o compromiso e a traxectoria de entidades e profesionais que traballan pola inclusión social e o benestar das persoas máis vulnerables da provincia.

As entidades premiadas nesta edición foron a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), a Rede Europea contra a Pobreza (EAPN Galicia), a Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM), a Asociación Raíña Paraíso, a Fundación Meniños e a Asociación Arraianas. Ademais, recoñeceuse tamén o labor da xornalista de La Voz de Galicia, Beatriz Abelairas, como mellor comunicadora en materia de servizos sociais.

O acto de entrega dos premios celebrouse esta tarde en Palexco (A Coruña) e contou coa presenza do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a deputada de Política Social, Mar García Vidal, representantes dos distintos grupos políticos da corporación provincial, alcaldes e alcaldesas, e unha ampla representación do tecido asociativo das entidades sociais da provincia da Coruña.

Durante o acto, Formoso, puxo en valor o traballo destas entidades e dos profesionais dos servizos sociais. "Persoas que traballades cada día co ánimo de ofrecer novas oportunidades e de mellorar a vida das persoas en situacións difíciles. Sodes a luz que moitas persoas necesitan para manter a esperanza", afirmou.

"Nesta última década tiven a inmensa sorte de visitar moitas das entidades sociais que traballan na provincia. E debo dicir que son, sen dúbida, as visitas máis enriquecedoras. Porque é alí onde comprobo que as políticas públicas que deseñamos e financiamos dende a Deputación teñen un impacto real e positivo na vida das persoas", afirmou o presidente.

Formoso destacou tamén o compromiso da Deputación da Coruña co ámbito social, que conta este ano cun investimento sen precedentes de máis de 33 millóns de euros, converténdose na segunda partida máis elevada do orzamento provincial, só por detrás do Plan único, o programa que financia obras e servizos nos concellos.

Entre as principais iniciativas, o presidente subliñou os programas de reforzo dos servizos sociais municipais ou o POS Social, que permiten aos concellos contratar a 180 profesionais e financiar máis de 400.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar cada ano, o reforzo da Rede de Casas de Acollida, o novo modelo de residencias públicas que promove a Deputación ou as liñas de axudas que chegan a preto de 300 entidades sociais da provincia, axudándoas a desenvolver o seu labor.

"Estes premios serven para recoñecer o mellor traballo do mundo: o de acompañar e coidar. E tamén para facer visible ante a sociedade o papel fundamental das entidades sociais como piar do noso benestar colectivo", concluíu.

A deputada de Política Social, Mar García Vidal, felicitou tamén as entidades sociais promotoras dos proxectos premiados "que naceron da proximidade, da escoita activa, do coñecemento real do territorio. Iniciativas que promoven a igualdade, que combaten a exclusión, que defenden a diversidade ou loitan contra a soidade non desexada e nas que é un orgullo poder colaborar", apuntou.

Entidades premiadas

A Deputación da Coruña dota con 42.000 euros estes premios (7.000 € a cada unha das entidades premiadas), que servirán para que poidan seguir desenvolvendo e consolidando os seus proxectos.

Entre os galardóns desta noite destaca COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), que foi recoñecida pola súa traxectoria dende 1989, traballando en prol da inclusión plena das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade. A súa rede está composta por 60 entidades e presta servizo a máis de 20.000 persoas ao ano, xestionando ademais 10 iniciativas de economía social e dando emprego a máis de 700 persoas con discapacidade en Galicia.

Na categoría de Investigación científica en servizos sociais, foi galardoada EAPN Galicia pola proposta "Manual de boas prácticas para a inclusión sociolaboral con persoas vulnerabilizadas". Este traballo, de alto valor técnico, forma parte dun estudo realizado en paralelo aos programas integrados para o fomento do emprego con 14 entidades do terceiro sector.

O recoñecemento a accións sociais no ámbito rural foi para a Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM), polo proxecto "O silEMcio do rural", unha iniciativa centrada na detección e análise das necesidades das persoas con esclerose múltiple que viven en contornas rurais galegas, poñendo en valor as súas realidades e promovendo accións de apoio adaptadas.

Na área de atención a persoas maiores, discapacidade e dependencia, destacou o proxecto "Companio Rural" da Asociación Raíña Paraíso de Mesía, que ofrece un punto de encontro semanal a 15 persoas maiores de 85 anos que viven soas no rural. A iniciativa inclúe actividades sociais, lúdicas e culturais, ademais de servir como ferramenta contra a soidade non desexada.

En canto á categoría de familia, infancia e adolescencia, foi recoñecido o "Programa de Atención Perinatal para Mulleres embarazadas en risco de Vulnerabilidade Social" da Fundación Meniños, que ofrece acompañamento personalizado ás nais desde a xestación ata os 18 meses do bebé, co obxectivo de garantir un contorno seguro e protector para a nai e o neno.

Finalmente, no eido da inclusión social, a Asociación Arraianas foi premiada pola iniciativa "NNABATA", un programa de atención integral dirixido a persoas migrantes, que combina atención individual e grupal para favorecer a súa participación activa na sociedade e o seu empoderamento.

Ademais, a Deputación outorgou un recoñecemento especial á xornalista Beatriz Abelairas. Profesional de La Voz de Galicia desde 1999, desenvolve actualmente o seu traballo na delegación de Ferrol. Nos últimos anos, destacou pola súa cobertura informativa sobre as distintas dimensións do fenómeno da drogadicción e o narcotráfico, abordando a cuestión desde unha perspectiva ampla e profunda: o labor policial e xudicial, as consecuencias sociais e sanitarias do consumo, o impacto nas familias e comunidades e o papel das entidades sociais que traballan na prevención e na rehabilitación das persoas afectadas.

O seu xornalismo, comprometido cunha sociedade máis xusta e libre de drogas, destaca pola capacidade de xerar conciencia social e dar visibilidade a realidades complexas e moitas veces silenciadas.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X