Citania (Bos Aires, 1957-1963)
Cada semana destacamos unha das obras da mostra bibliográfica "Notas para unha edición coruñesa: arredor de 180 anos de edición na provincia". Unha selección de obras de editoras da provincia publicadas dende o ano da fundación da biblioteca ata a actualidade.

Un dos lugares centrais para emigración galega foi a cidade de Bos Aires. Na posguerra moitos exiliados escolleron esta cidade dende a que impulsaron unha forte dinamización cultural: durante estes anos a capital bonaerense foi centro da intelectualidade galega que proxectaba unha Galicia ideal.
Citania, cuxo principal fundador foi Luis Seoane, nace neste contexto. Esta editorial tivo unha vida curta (1957-1963), pero na que conseguiu destacar cultural e artisticamente. O seu fin foi sempre claro: publicar as obras dos exiliados, publicar autorías e temas galegos. En definitiva, dar a coñecer a Galicia ao mundo.
Tanto o nome, como o seu símbolo (o tríscele), nos leva ao mundo castrexo. Citania era o antiguo nome deste tipo de poboado fortificado prerrománico.
Esta editorial publicou en 1959 A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor, con debuxos en branco e negro de Isaac Díaz Pardo. Destaca tamén desta edición a súa fermosa cuberta, da que foi responsable -como de todas as demais da editorial- o propio Luis Seoane.
Unha obra difícil de publicar no momento, pero imprescindible na renovación da literatura galega.