Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña destaca o papel dos graduados sociais como peza clave no funcionamento da xustiza social e laboral

O deputado José Ramón Rioboo participou na apertura das II Xornadas Laboralistas, organizadas polo Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense no Pazo de Mariñán

A Deputación da Coruña destaca o papel dos graduados sociais como peza clave no funcionamento da xustiza social e laboral

O deputado José Ramón Rioboo participou hoxe na apertura das II Xornadas Laboralistas, organizadas polo Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, que se celebran no Pazo de Mariñán. Un encontro que reúne a profesionais do dereito do traballo, expertos/as, catedráticos e maxistrados para afondar nos principais retos xurídico-laborais da actualidade.
Durante o acto inaugural, Rioboo puxo en valor a relevancia destas xornadas como espazo de encontro, debate e reflexión, e destacou o papel fundamental que xogan os graduados e graduadas sociais como "peza clave no funcionamento da xustiza social e laboral".
"A vosa labor diaria, ás veces pouco visible para a cidadanía, é esencial para garantir dereitos, mediar en conflitos, asesorar empresas e traballadores, e facer efectivo o principio de igualdade no acceso ao emprego e á protección social", afirmou.
A institución provincial quixo tamén agradecer ao Colexio Oficial de Graduados Sociais a súa iniciativa por consolidar este foro formativo e profesional, e subliñou a importancia da formación continua como ferramenta esencial para facer fronte ás transformacións normativas, ás novas interpretacións xudiciais e aos cambios no mercado laboral.
O programa desta segunda edición inclúe, entre outras intervencións destacadas, as do catedrático de Dereito do Traballo da Universitat Oberta de Catalunya, Ignasi Beltrán de Heredia, e a maxistrada do Tribunal Constitucional, María Luisa Segoviano, quen abordarán cuestións de actualidade como a cesión ilegal de traballadores ou os novos límites na externalización de servizos.
O Pazo de Mariñán, espazo emblemático da Deputación, foi definido na apertura por Rioboo como "un lugar con historia e vocación pública, chamado a ser un punto de encontro para o pensamento, o diálogo e a mellora da sociedade".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X