O Día dos Arquivos na Biblioteca Provincial
O 9 de xuño de 2025 celebramos o «Día Internacional dos Arquivos», data en que conmemoramos a creación en 1948 (auspiciada pola UNESCO) do Consello Internacional de Arquivos (CIA), unha organización internacional non gobernamental destinada a promover a xestión e uso eficientes dos documentos de arquivo, así como a preservación do patrimonio arquivístico da humanidade.

O Día dos Arquivos na Biblioteca Provincial
Atopar nun arquivo unha corrección da proba de impresión, coas anotacións manuscritas do autor, é unha xoia. Pero se aínda por riba se trata dunha partitura, do século XIX, galega, e tan especial coma esta, aínda máis. Quedade a ler a curiosidade.
Este documento forma parte da doazón do fondo de Francisco Pillado á Biblioteca da Deputación, realizada por Manuela Vega Vega e a Familia Pillado.
Trátase da corrección da proba de impresión de "Recuerdo", melodía de Francisco Pillado do ano 1877, coas anotacións manuscritas do propio compositor corrixindo a impresión da partitura. Quen era o editor da mesma? Non outro que Canuto Berea y Compañía, que os melómanos galegos xa saben que foi o editor máis relevante da música para Galicia durante o século XIX e parte do XX (e por certo o seu fondo documental tamén está na Biblioteca). Ademais eran músicos compañeiros, xa que Francisco Pillado, cos irmáns Canuto e Manuel Berea (ademais de José Courtier e Mariano Alonso) formou un quinteto para actuar no salón da "Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos" da Coruña.
Ademais, contamos con numerosos exemplares da partitura, tanto da orixinal antes da corrección, como da que o editor volveu imprimir unha vez corrixida.
E non só iso, senón que temos tamén varios exemplares autógrafos de Pillado da partitura, orquestrados tanto para orquestra como para piano.
- Se queredes saber máis sobre esta doazón e o fondo Francisco Pillado, máis información aquí: https://pel.gal/biblioteca/biblioteca/coleccions/francisco-pillado/
- E máis información sobre o fondo Canuto Berea aquí: https://pel.gal/biblioteca/biblioteca/coleccions/coleccion-partituras-e-arquivo-canuto-berea/
---
E neste Día Internacional dos Arquivos, un saúdo moi especial para todas as arquiveiras e arquiveiros de Galicia, e particularmente para as nosas compañeiras do Arquivo Provincial da Deputación da Coruña.