A Deputación da Coruña apoia o traballo da Cámara de Comercio de Santiago para impulsar o emprendemento e a creación de emprego na comarca
A Cámara apoiou en 2024 a máis de 3.500 negocios e persoas autónomas e contribuíu á creación de 148 novas empresas
Algúns dos programas son cofinanciados pola institución provincial

A Cámara de Comercio de Santiago presentou hoxe a súa Memoria de Actividades 2024, un balance dun ano de intenso traballo no apoio ao tecido empresarial da súa demarcación, que abarca 32 concellos do sur da provincia da Coruña. No acto participou a responsable de Emprego, Industria, Política Demográfica e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, quen destacou "a alianza sólida e efectiva" que mantén a institución provincial coa Cámara.
A deputada puxo en valor o convenio de colaboración asinado recentemente entre ambas entidades, orientado a fomentar o emprendemento e o emprego desde tres ámbitos fundamentais: o fomento da cultura emprendedora entre a mocidade dos centros educativos, o acompañamento ás persoas emprendedoras nos seus proxectos e a creación dun servizo de apoio para facilitar o acceso a financiamento das pequenas empresas. "Apostamos por sumar forzas para que as ideas emprendedoras se convertan en realidades que xeren emprego e futuro nos nosos concellos", sinalou Rosa Ana García, que subliñou tamén a importancia de "fomentar as sinerxías e a colaboración institucional" para fortalecer o tecido produtivo local.
A presidenta da Cámara, María Pais, agradeceu o apoio da Deputación e subliñou que esta colaboración permitirá á Cámara ampliar o seu alcance e reforzar os seus servizos ás pemes, micropemes e persoas autónomas da comarca.
Resultados en 2024 e novos proxectos para 2025
Durante 2024, a Cámara apoiou a máis de 3.500 empresas e persoas autónomas, mobilizando máis de 1 millón de euros a través de programas con financiamento europeo. Grazas ao asesoramento da entidade, naceron 148 novas empresas, moitas delas no Viveiro de Empresas, recoñecido entre os mellores do Estado.
Ademais, a través do programa Coworking Dixital Compostela, cofinanciado ao 50 % pola Deputación e o Concello de Santiago a través do PEL-RED COWORKING 2025, prestouse asesoramento a 220 empresas e formáronse máis de 250 persoas emprendedoras, consolidando este espazo como un punto de referencia para a innovación e a transformación dixital das empresas.
De cara a 2025, o convenio coa Deputación permitirá ampliar a acción da Cámara como axente de referencia para o emprendemento na súa demarcación. Xunto con iniciativas europeas como os proxectos BEAUTIFUL BEES, CO-GREEN MARKET e GLOBAL2YOU, esta colaboración reforza o compromiso compartido co desenvolvemento económico sostible, a igualdade de oportunidades e a fixación de poboación a través do emprego de calidade.