A Deputación insta ao Concello de Ferrol a que garanta a remodelación dos campos de fútbol do Caranza tras o convenio coa Xunta
O goberno provincial denuncia que o Concello acumulou 462 días sen presentar a documentación para tramitar a subvención comprometida pola Deputación e, polo camiño, asinou un convenio coa Xunta para a mesma obra
Se non garante a obra co convenio da Xunta, a Deputación estaría disposta a retomar o trámite da subvención

A Deputación da Coruña instou hoxe ao Concello de Ferrol a aclarar se garante o financiamento da remodelación dos campos de fútbol de Caranza, tras asinar en 2024 coa Xunta de Galicia un convenio para mellorar as instalación deportivas da cidade, que inclúe unha achega de 893.000 euros para a mesma actuación para a que había un protocolo asinado coa institución provincial en 2023.
O portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, lamentou a "incompetencia e pésima tramitación" por parte do Concello de Ferrol dun expediente "que leva 462 días sen recibir documentación por parte do goberno local", impedindo así a tramitación dunha posible subvención por parte da Deputación.
O pleno provincial rexeitou hoxe, con 16 votos en contra, unha abstención e 14 a favor, unha moción do Partido Popular que instaba a habilitar unha partida para executar a obra, incluída no protocolo asinado en 2023. Dende o goberno da Deputación sinalan que non é posible avanzar sen que o Concello cumpra cos requisitos mínimos de tramitación.
O portavoz do goberno, Bernardo Fernández, explicou que o expediente foi iniciado unicamente "cun documento de tres liñas asinado por unha concelleira, sen acordo do pleno municipal e sen memoria nin documentación técnica". "O 9 de outubro de 2023 requiriuse ao Concello que achegase a documentación necesaria. Non presentaron nada en 462 días", lembrou.
Fernández subliñou que "é incomprensible" que o Concello de Ferrol solicitase unha subvención á Deputación asegurando que non recibiría outras achegas para o mesmo obxecto, e que despois asinase un convenio coa Xunta para executar esa mesma obra. "O 2 de febreiro de 2024 asinaron coa Xunta de Galicia un convenio de 18 millóns de euros para mellora de infraestruturas deportivas na cidade, que inclúe as mesmas instalacións do Galicia de Caranza por un importe de máis de 800.000 euros. Deben explicar claramente cal é a súa intención", afirmou.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, lembrou que a súa primeira visita institucional foi ao Galicia de Caranza, "como mostra do noso compromiso co investimento", pero criticou que "non é serio pasar 462 días sen recibir nin un só documento e mentres tanto asinar un convenio alternativo con outra administración".
Bernardo Fernández concluíu pedindo ao Concello de Ferrol que "non busque escusas políticas: "O TEDEC- a plataforma informática na que os concellos tramitan os seus proxectos coa Deputación- non minte, non é do PSOE nin do BNG. Aclaren o financiamento desta obra, presenten a documentación e tramiten o expediente conforme á legalidade".