Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña insta á Xunta a rematar a autovía da Costa da Morte

A iniciativa saíu adiante cos votos do PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do PP

"Anunciar un tramo de corredor de 5,5 quilómetros tras nove anos non parece moi ambicioso", afirma Bernardo Fernández, portavoz do Goberno provincial

A moción dos socialistas pedía tamén aplicar unha bonificación do 75% da peaxe da AG-55 ata que se esta poda ser suprimida completamente

A Deputación da Coruña insta á Xunta a rematar a autovía da Costa da Morte

A Deputación da Coruña aprobou este venres, no pleno ordinario de xuño, unha moción promovida polo PSdeG-PSOE para instar á Xunta de Galicia a completar as obras pendentes da autovía da Costa da Morte. A proposta saíu adiante cos votos favorables do PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños, mentres que o grupo provincial do Partido Popular votou en contra.

O voceiro do goberno da Deputación, Bernardo Fernández, fixo un repaso exhaustivo da longa traxectoria desta infraestrutura, comprometida por primeira vez en 2002 polo entón presidente da Xunta, Manuel Fraga. A súa licitación inicial tivo lugar en 2007, baixo o Goberno bipartito de Emilio Pérez Touriño, cun orzamento de 584 millóns de euros. Posteriormente, a UTE adxudicataria —formada por Ferrovial e Taboada y Ramos— advertiu que non podería cumprir co contrato a non ser que se lle incrementase o prezo nun 30%. Ante esta situación, foi o Goberno do Partido Popular, xa en 2009, quen decidiu rescindir o contrato.

Coa chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, a autovía foi licitada dúas veces máis. A primeira destas novas adxudicacións recaeu nunha UTE integrada, entre outras, por FCC e Covsa, por un importe de 979 millóns de euros, practicamente 400 millóns máis ca o proxecto anterior. A terceira licitación, datada en 2011, tivo un custo de 745 millóns.

Con todo, en febreiro de 2013 —case dous anos despois da última adxudicación— a Xunta informaba no Parlamento galego de que o grao de execución das obras non superaba o 20%. Segundo explicou Fernández, a causa alegada foi a falta de financiamento por parte da concesionaria. Nesta ocasión, a resposta do Goberno de Feijóo foi moi distinta: no canto de rescindir o contrato, como fixera co anterior, optou por permitir á empresa renunciar á construción dos últimos 15 quilómetros do trazado, entre Baio e Berdoias. Así, a autovía quedou reducida dos 45 quilómetros inicialmente proxectados aos 25 comprendidos entre Carballo e Baio.

Xa a finais de 2013, o Executivo autonómico volveu comprometerse a rematar a obra no ano 2016. Ese mesmo ano púxose en funcionamento o tramo entre Carballo e Berdoias, que incluía 25 quilómetros de autovía e outros 8 de corredor. Durante a inauguración, Feijóo reiterou a súa promesa de completar o proxecto, que continuou aparecendo nos orzamentos autonómicos ano tras ano, pero con partidas económicas "claramente insuficientes", segundo denunciou o voceiro socialista.

Pouca ambición no novo tramo ata Calo

A principios deste mes de xuño de 2025, a Xunta aprobou o proxecto para prolongar a autovía da Costa da Morte entre Santa Irena e a intersección coa AC-432 en Calo.

Fernández cualificou a noticia como positiva, pero insuficiente: "Celebramos este paso adiante, pero non podemos esquecer que estamos ante dúas comarcas —Bergantiños e a Costa Atlántica— que seguen a perder poboación a un ritmo alarmante, sen que a Xunta adopte medidas reais e efectivas para frear esta sangría. Faltan infraestruturas que vertebren o territorio e unha aposta firme polos servizos públicos", afirmou Bernardo Fernández, que considerou que "anunciar un tramo de corredor de 5,5 quilómetros tras nove anos sen avances non parece moi ambicioso"

Por todo iso, a Deputación aprobou instar á Xunta a cumprir as promesas feitas por Feijóo en 2016 e "retomar xa a construción do tramo entre Baio e Berdoias, así como a iniciar de forma urxente a redacción do proxecto para o treito ata Cee".

A moción aprobada no pleno de hoxe tamén insta á Xunta de Galicia a eliminar a peaxe na autovía da Costa da Morte —unha demanda histórica da veciñanza da comarca— e, mentres isto non se faga efectivo, a aplicar de forma inmediata unha bonificación do 75% nas peaxes da AG-55.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X