A Deputación apoia os proxectos de inserción laboral de Teima Down Ferrol con case 40.000 euros
O obxectivo é apoiar o traballo da entidade de inserción laboral de persoas con discapacidade intelectual en once concellos da comarca de Ferrolterra.
O convenio recolle accións de formación, orientación e acompañamento no acceso ao emprego tanto para as persoas usuarias como para as familias e as empresas.

O pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres, por unanimidade de todos os grupos, un convenio de colaboración coa Asociación Síndrome de Down "Teima" de Ferrol para financiar o proxecto "Sostibilidade do servizo de formación sociolaboral e emprego de Teima Down Ferrol". A achega provincial, que se canaliza a través do Plan de Emprego Local (PEL), ascende a 39.823,33 euros, o que supón case un 35% do orzamento total da iniciativa, cifrado en 114.013,45 euros.
"Este financiamento garante a continuidade dun servizo fundamental para a inclusión laboral de persoas con discapacidade intelectual na comarca de Ferrolterra, mediante accións de formación, orientación e acompañamento no acceso ao emprego", explicou o presidente Valentín González Formoso, que incidiu en que o proxecto permite dar continuidade á atención directa por parte dun equipo técnico especializado, que traballa con itinerarios personalizados de inserción e con accións de apoio nos contextos reais de traballo, "asegurando que as persoas usuarias poidan desenvolver as súas capacidades en contornos laborais normalizados".
A través deste convenio beneficiaranse persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual procedentes de once concellos: Ferrol, Narón, Fene, Mugardos, Pontedeume, Miño, As Pontes, Cariño, Cedeira, Valdoviño e Bergondo. Este ámbito de actuación abrangue tanto zonas urbanas como rurais, onde o acceso a recursos de apoio á empregabilidade adoita ser máis limitado, polo que a cobertura territorial do proxecto é tamén un factor clave de cohesión social. A actividade de Teima non só se centra nas persoas con discapacidade, senón tamén nas súas familias, ofrecendo orientación e acompañamento durante o proceso de formación e inserción laboral, contribuíndo a fortalecer a rede de apoio familiar e comunitario.
Sensibilización do tecido empresarial
Ademais, o proxecto inclúe accións específicas de sensibilización co tecido empresarial da zona, co obxectivo de fomentar a contratación de persoas deste colectivo e eliminar prexuízos ou barreiras que dificulten a súa incorporación ao mercado laboral. A entidade realiza un labor fundamental de mediación coas empresas e ofrece apoio durante todo o proceso de contratación e adaptación ao posto de traballo, garantindo que a inclusión sexa efectiva e sostible no tempo.