Estás en:Emprego

Comeza o 22º Curtocircuíto, “un festival consolidado como un espazo singular no panorama audiovisual internacional”

A deputada de cultura, Natividade González, asistiu onte en Compostela á inauguración desta mostra que conta co apoio da área de cultura da Deputación

O certame arrincou este martes coa estrea estatal de 'Ariel', de Lois Patiño, que deu apertura a 5 días de proxeccións de cinema, espectáculos audiovisuais e encontros entre artistas e público

Comeza o 22º Curtocircuíto, “un festival consolidado como un espazo singular no panorama audiovisual internacional”

A praza da Quintana acolleu onte a apertura da 22ª edición do Curtocircuíto coa estrea de 'Ariel', de Lois Patiño, "un festival que se ten consolidado como un espazo singular dentro do panorama audiovisual, tanto galego como internacional", tal e como sinalou a deputada de cultura, Natividade González, que asistiu á inauguración, acompañada da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; do director do festival, Pela del Álamo, da produtora do filme Beli Martínez, do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; da actriz protagonista Irene Escolar e do propio Lois Patiño.

Ariel deu, así, o pistoletazo de saída a seis xornadas de proxeccións e espectáculos audiovisuais que ofrecerán unha programación plural, arriscada e centrada no diálogo entre cine, arte, música e comunidade. O certame recupera a súa identidade orixinal, expandindo as salas para ocupar o espazo público como escenario central, co obxectivo de xerar encontros entre artistas e cidadanía, nos que compartir procesos creativos, experiencias e reflexións.

"Esta cidade ten unha longa tradición de acoller, coidar e entender o cinema como algo vivo, como unha ferramenta de creación, de reflexión e de debate" sinalou a deputada durante a inauguración. "O público compostelán, diverso, curioso e esixente, é un dos grandes valores deste festival".

Natividade González salientou tamén o apoio da área de cultura da Deputación a este proxecto, que "representa un modelo de festival comprometido coa creación contemporánea, coa liberdade artística e co pensamento crítico. Un festival que non busca repetirse, senón propoñer, abrir espazos e arriscar". Neste sentido, recoñeceu o traballo do "equipo que o fai posible", e agradeceu a participación de "todas as creadoras e creadores e, por suposto, do público que ano tras ano responde e se implica".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X