Regueira presenta en Rianxo o Festival Viladomar, máis alá dos muros, que reafirma o seu compromiso co muralismo galego, a creación colectiva e a posta en valor do territorio
O vicepresidente, Xosé Regueira, participou esta mañá na presentación deste festival de arte pública, que arrinca unha nova edición con murais, música, rutas e actividades culturais abertas ao público co apoio da Deputación
"O muralismo é unha ferramenta de transformación social e tamén unha oportunidade para o desenvolvemento turístico sostible e para as propias localidades, pois son quen de rexenerar espazos empobrecidos por políticas urbanísticas nefastas" sinalou Regueira

O Concello de Rianxo acolleu esta mañá a rolda de prensa de presentación da 6ª edición do festival Viladomar, máis alá dos muros, coa participación do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o alcalde, Julián Bustelo Abuín; o portavoz da organización e muralista, Novenoel (Noél Pérez) e a artista Xoana Almar, en representación dos e das participantes. Un festival que conta co apoio da área de turismo da Deputación, a través do programa dirixido a concellos da provincia para a realización de festivais de arte pública urbana na modalidade de pintura mural, que destina a Viladomar un importe de 21.920 €.
Regueira felicitou á organización por consolidar "un festival de altísima calidade artística e compromiso territorial", e sinalou que "o muralismo é unha ferramenta de transformación social e tamén unha oportunidade para o desenvolvemento turístico sostible, e tamén para as propias localidades, pois son quen de rexenerar espazos empobrecidos por políticas urbanísticas nefastas". O vicepresidente tamén avanzou que a Deputación traballa en novas fórmulas de apoio que dean maior visibilidade ao muralismo na provincia.
Pola súa banda, Novenoel (Noel Pérez), portavoz do festival, destacou a colaboración entre Lúa Gándara e Xoana Almar, que interveñen xuntas nos muros do antigo Pazo unindo abstracción e figuración nun proxecto compartido. Pelucas Bubbles, con máis de 25 anos de experiencia e tras un longo período creativo en México, está a traballar na rúa Loureiros cunha peza de estilo surrealista e persoalísimo. Pola súa parte, Yoseba MP pinta en Asados, xunto á capela de Santa Lucía, cunha proposta que parte da documentación sobre a historia e o contexto da vila.
A artista participante Xoana Almar agradeceu a oportunidade de experimentar artisticamente "con liberdade e coidado" e valorou especialmente o clima de convivencia entre artistas e comunidade. "Estamos a construír un espazo onde se respectan as relacións humanas e creativas, e iso é fundamental para o noso traballo".
E, o alcalde Julián Bustelo puxo en valor o camiño percorrido polo festival desde 2018, sinalando que "os murais xa forman parte da paisaxe e do patrimonio rianxeiro". Subliñou o orgullo da veciñanza polo proxecto e a implicación cada vez maior da comunidade local, "o muralismo xa é parte de Rianxo".
A nova edición do festival Viladomar, que terá lugar desde o hoxe ao 13 de xullo, aposta unha vez máis por activar o espazo público a través da arte e afondar no vínculo entre comunidade, creación artística e contorno rural e mariñeiro. Os catro murais desta edición están a ser realizados por artistas galegos e galegas cunha longa traxectoria, cunha forte conexión co territorio e linguaxes plásticas moi persoais.
A programación culminará o sábado 12 de xullo coa xornada "Sons da vila", que inclúe roteiros teatralizados a cargo do grupo Airiños, obradoiros, proxeccións, música e un paseo en barco pola ría, e outras sorpresas, para celebrar esta nova edición de Viladomar.