A Deputación destina máis de 490.000 euros a iniciativas de promoción económica en concellos durante o 2025
Un total de 26 concellos da provincia recibirán entre 5.000 e 30.000 euros para desenvolver dende eventos tradicionais e mercados e feiras gastronómicas ata actividades culturais e turísticas

A Deputación vén de aprobar a concesión definitiva das subvencións do programa DP0043/2025, dirixido a apoiar iniciativas de promoción económica en concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. En total, destinaranse 492.203,55 euros para impulsar eventos e actividades que fomenten o desenvolvemento local, o comercio, o turismo e a identidade territorial ao longo de 2025.
O vicepresidente e titular da área de Promoción Económica, Xosé Regueira, sinalou que "este apoio reflicte o noso compromiso co impulso da economía local e co fortalecemento do tecido social e cultural dos concellos da provincia, contribuíndo á dinamización dos sectores produtivos e á posta en valor dos recursos propios de cada territorio".
Entre as iniciativas financiadas atópanse proxectos singulares como InnovAmes 2025 no concello de Ames, que recibirá 10.868,22 euros, ou o III Mercado de Nadal e Acendido de Luces 2025 de Arteixo, con 17.500 euros. Betanzos contará con 30.000 euros para o desenvolvemento de diversas actividades de promoción económica, mentres que Brión porá en marcha a iniciativa "Brión: Un Xardín Comestible" grazas a unha axuda de 7.800 euros.
En Corcubión apoiarase a Campaña de Nadal 2025 cunha subvención de 16.070,13 euros. O concello de Coristanco recibirá 30.000 euros para a celebración da XLIII Festa da Pataca e Fene disporá de 10.000 euros para accións de fomento e dinamización económica e turística. En Melide, a Deputación financiará con 30.000 euros a Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional.
Outras actividades destacadas inclúen Miño: Promoción Económica En CaMiño (10.000 euros), a XXXIII Festa do Polbo de Mugardos (30.000 euros), as Xornadas de Cultura Mariñeira "Muros Mira ao Mar" en Muros (30.000 euros), ou o XVII Mercado Rutas do Mar en Muxía (10.000 euros).
Narón organizará o XXV Oenach Atlántico 2025 cunha subvención de 30.000 euros. Neda contará con 26.910,40 euros para a súa Festa do Pan, e Noia recibirá 30.000 euros para diversas accións de promoción económica. En Ordes, a Deputación apoiará con 15.000 euros a XXXIV Festa do Champiñón, mentres que Paderne organizará a Feira GastroLexítimo 2025 con 7.327,80 euros de axuda provincial.
Pontedeume porá en marcha o Feirón do Queixo cunha achega de 21.278,40 euros e Ribeira levará a cabo un amplo programa turístico e gastronómico que inclúe Artemar, a Festa do Polbo de Palmeira e as Procesións do Carmen, cun apoio de 7.848,60 euros.
Tamén recibirán apoio económico as iniciativas de Sada (Sardiñada San Roque, 30.000 euros), San Sadurniño (Feira da Plantación e Feira Rural, 5.200 euros), Teo (Feira de Artesanía e produtos con D.O., 5.000 euros), Val do Dubra (Feiras de Abril 2025, 13.000 euros), Vimianzo (Promoción Económica 2025, 30.000 euros), Zas (Campaña de Dinamización do Comercio Local, 8.400 euros) e O Pino (Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, 30.000 euros).
Estas actuacións, que abranguen eventos tradicionais, mercados locais, feiras gastronómicas e actividades culturais e turísticas, son unha mostra da diversidade e potencial dos concellos da provincia. A Deputación da Coruña reafirma así o seu compromiso coa dinamización territorial, apoiando proxectos que crean emprego, estimulan a economía local e reforzan o sentimento de comunidade nos concellos.