A Deputación apoiará con 200.000 euros ao Concello da Baña para o arranxo da estrada entre Lañas e O Pazo
O presidente, Valentín González Formoso, e o alcalde, José Antonio Pereira, asinaron o convenio polo que a institución provincial sufragará dous terzos do importe das obras, coas que se renovará un tramo de máis de tres quilómetros
A próxima actuación na CP-0702 daralle continuidade á reparación que se acometeu entre Vilar da Torre e Lañas, que tamén contou cunha achega provincial de 200.000 euros

O tramo da estrada CP-0702 que vai de Lañas ao Pazo, na Baña, será dotado dun novo pavimento grazas ao convenio que hoxe asinaron na Casa do Concello o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde, José Antonio Pereira. O treito, de 3,3 quilómetros de lonxitude, é de titularidade municipal, polo que o Concello se encargará da contratación e execución das obras.
A institución provincial contribuirá con 200.000 euros, que supoñen dous terzos do orzamento total contemplado no proxecto. O importe restante, ata completar os 299.999,98 euros (impostos incluídos) nos que está calculado o investimento necesario, sufragaranse con cargo ás arcas municipais.
Formoso destacou tras a firma que esta actuación servirá para darlle continuidade á xa realizada na mesma estrada entre os núcleos de Vilar da Torre e Lañas, que tamén contou cunha achega provincial de 200.000 euros. Na visita que ambos realizaron despois á zona xunto coa deputada provincial Mar García Vidal, Pereira valorou o apoio da Deputación para o desenvolvemento de proxectos na rede viaria do municipio.
Os traballos que se van desenvolver entre Lañas e O Pazo, onde a estrada conta cun ancho de 6,25 metros, consisten na mellora da capa de rodaxe mediante a aplicación de 5 centímetros de espesor de aglomerado en quente tipo AC16 B50/70. Previamente, repararanse as fochas que existen no firme, o que se prevé que implique arredor do 5 % da superficie total.
Segundo se establece no proxecto de execución, os traballos débense completar nun prazo máximo de tres meses, contado a partir da sinatura da acta de traza de planta das obras.
Preto de catro millóns de euros nos últimos anos a través do Plan Único
Ambos convenios, que suman unha contribución de 400.000 euros por parte da institución provincial, únense aos 3,9 millóns de euros que, a través do Plan Único, se orzamentaron ao longo dos últimos oito anos para o desenvolvemento de diferentes proxectos de infraestruturas por parte do Concello da Baña. En total, nese período executáronse 46 obras, mentres que outras 8 están agora en tramitación ou desenvolvéndose.