Valentín González Formoso destaca o recoñecemento internacional do Festival de Ortigueira como “emblema da cultura celta”
O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira cumpre medio século de historia co apoio da Deputación da Coruña

A Praza Isabel II acolleu esta tarde o acto inaugural da 50ª edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, un evento declarado de Interese Turístico Internacional que, durante catro días, converterá de novo a esta vila da comarca do Ortegal na capital mundial da música folk.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o alcalde, Valentín Calvín, ás deputadas provinciais Natividade González e Cristina García e outras autoridades, na apertura oficial do festival, onde destacou o papel fundamental de Ortigueira como referente cultural e "símbolo vivo da tradición celta".
Na súa intervención, Formoso trasladou os seus parabéns a todas as persoas, entidades e voluntarios que fan posible que, durante uns días, Ortigueira se transforme por completo para acoller milleiros de visitantes, músicos e curiosos que comparten algo máis que música, "un espírito de convivencia, identidade e comunidade que une ás nacións celtas a través do tempo".
Neste sentido, subliñou a proxección internacional deste evento: "Hai uns meses, nunha viaxe a Irlanda para colocar a primeira sinal do Camiño Celta a Santiago, varias persoas faláronme de Ortigueira como unha cita obrigada para os amantes da música celta. Sentín un profundo orgullo, de ser galego e de saber que o nome de Ortigueira soa con forza nos lugares máis emblemáticos da cultura celta europea".
O presidente provincial subliñou tamén a relevancia desta edición número cincuenta, na que se rende homenaxe ás súas orixes e ás persoas e entidades que fixeron posible o nacemento do festival, como a Escola de Gaitas de Ortigueira e Xavier Garrote, que puxo en marcha o evento hai medio século. "Daquela primeira edición queda pouco na forma, pero moito na esencia. O espírito, a paixón pola música, a vontade de compartir e de preservar unha identidade común seguen intactos", asegurou o presidente provincial.
Tamén puxo en valor a implicación das novas xeracións, que garanten que o festival siga evolucionando sen perder a súa alma. Neste sentido, recoñeceu o traballo do Concello de Ortigueira, organizador do evento, e reiterou o apoio da Deputación da Coruña, que desde hai décadas apoia economicamente o desenvolvemento do festival.
Pola súa banda, a deputada de Cultura expresou o seu "orgullo" por apoiar "un evento como este, que representa o mellor da nosa identidade: a música, a tradición, a diversidade e a liberdade creativa". Natividade González sinalou que Ortigueira "non é só un festival; é un encontro de culturas irmás, un fío invisible que nos une a todos os países que compartimos a alma celta e a forza da música como lingua universal. Aquí, a tradición non é unha peza de museo: é un río vivo que flúe e se renova".
"Desde a Deputación da Coruña", engadiu, "cremos firmemente nunha cultura aberta, pública e participativa, comprometida co territorio. O noso compromiso é estar ao lado dos festivais que dignifican o traballo artístico, que coidan o territorio e que apostan pola calidade sen renunciar á identidade".
O Festival de Ortigueira agarda recibir este ano máis de 100.000 persoas, cun cartel que combina tradición, innovación e diversidade musical, reforzando o seu papel como espazo de encontro das culturas celtas do mundo.