Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña organiza o 2º Maratón de Galeguidades, que conectará á diáspora galega en 25 países dos cinco continentes

Un streaming en directo de 11 horas que dará a volta ao planeta para subliñar a importancia Galicia exterior

A Deputación da Coruña organiza o 2º Maratón de Galeguidades, que conectará á diáspora galega en 25 países dos cinco continentes

A Deputación da Coruña, en colaboración co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), impulsa o segundo Maratón de Galeguidades, un evento en liña pioneiro que terá lugar este xoves, 24 de xullo, véspera do Día de Galicia, e que conectará durante máis de once horas ininterrompidas a Galicia coa súa diáspora espallada por todo o mundo.

Tras o gran seguimento da primeira edición celebrada o pasado ano, este segundo maratón consolídase como un espazo de encontro global da galeguidade contemporánea, que poderá seguirse en aberto a través da web HTTPS://GALEGUIDADES.HUB.GAL

A iniciativa ten como obxectivo resignificar a idea de galeguidade no século XXI, dándolle voz tanto á diáspora histórica como á nova emigración de galegas e galegos en todo o mundo. "Trátase de poñer en valor o talento, a creatividade e o compromiso das comunidades galegas no exterior desde múltiples perspectivas: cultural, social, científica, empresarial ou educativa, así como render tamén a nosa homenaxe á emigración galega e á importante contribución a construír a Galicia que hoxe somos", afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

O programa incluirá conexións en directo con 25 países dos cinco continentes, con entrevistas, actuacións culturais e reflexións sobre identidade, lingua, ciencia, creación e territorio.

Entre as persoas participantes figuran nomes como o músico Mondra, os xornalistas David Reinero, Fernanda Tabarés e Manuel Gago ou a neurocientífica da Universidade de Houston Sonia Villapol, xunto con organizacións emblemáticas como a Irmandade Galega de Suíza, a Rede de Galegas no Reino Unido, a Asociación Internacional de Estudos Galegos, o Festival Emigrasón ou os centros galegos de Buenos Aires, Montevideo, Lisboa, Barcelona ou Sidney.

Con esta iniciativa, a Deputación da Coruña e o IGADI poñen en marcha un espazo de diálogo e proxección internacional para Galicia, convertendo a véspera do 25 de xullo nunha celebración global da identidade galega.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X