Estás en:Emprego

Convocado o VII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade

Dotado con 100.000 euros, concederá oito premios por un importe máximo de 12.500 € cada un

Convocado o VII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade

Dende hoxe e ata as 14 horas do 3 de outubro estará aberto o prazo de admisión de propostas para o VII Premio Luísa Villata a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña. Con un orzamento total de 100.000 euros, o certame concedera oito premios por un importe máximo de 12.500 € cada un.

Obxectivos do certame
O concurso ten por obxecto o fomento da igualdade mediante a realización de proxectos que poñan en valor o papel histórico, económico, social e cultural das mulleres e contribúan de xeito relevante ao avance no asentamento social da aposta pola igualdade de xénero, a loita contra a violencia de xénero, a diversidade sexual e interseccionalidade.

"Queremos recoñecer e consolidar propostas que contribúan a rachar coas desigualdades de xénero en todos os espazos da vida", apuntou a deputada de igualdade, lingua e dereitos civís, Soledad Agra. "Por iso, premiamos proxectos que fomenten unha sociedade máis feminista e igualitaria".

Os proxectos poden ser de calquera disciplina artística (música, literatura, escena, imaxe, arte urbana...) e poderán ser de sensibilización, educación, empoderamento, investigacións, etc. Todos eles deben procurar a visibilización da muller no campo social e cultural.

Convocatoria e bases
Tanto as solicitudes como o resto da tramitación da convocatoria realizaranse por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible dende a sede electrónica da Deputación Provincial da Coruña: https://sede.dacoruna.gal.

As bases foron publicadas no BOP número 154, do pasado 14 de agosto, e poden consultarse descargarse nesta ligazón: Bases.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X