A música galega de alcance internacional volve ao Rock in Rian co apoio da Deputación
Na presentación onte do festival, a deputada de Lingua, Sol Agra, puxo en valor o investimento de 30 000 euros que a institución provincial achegará "para colaborar con eventos coma este que crean a dinamización cultural necesaria para que en cada concello, por pequeno que sexa, a veciñanza poda organizarse e desfrutar da inmensa riqueza cultural feita en Galiza en galego"

O festival Rock in Rian volve os días 5 e 6 de setembro ao Parque de Galiza de Rianxo para ofrecer, co patrocinio da Deputación da Coruña, o mellor da música galega de alcance internacional. Dezanove bandas de España e Portugal conxugarán as novas tendencias con outras propostas máis tradicionais nunha cita que se presentou esta mañá nunha rolda de prensa na que participou, en representación da deputada de Cultura, Natividade González, a titular de Lingua, Sol Agra, a quen acompañaron o alcalde da localidade, Julián Bustelo; Xosé Manuel Rodríguez, presidente Rock in Rian, a entidade organizadora; e delegados e delegadas doutras entidades colaboradoras co festival.
"Con esta achega de 30 000 euros", salientou Agra, "a Deputación quere demostrar o seu compromiso cos valores e obxectivos cos que naceu o Rock in Rian". "As inquedanzas dun grupo de mozos e mozas deste concello", engadiu, "poñen no centro da cultura musical do país, un concello que xa figuraba nas páxinas da historia como un referente cultural, berce de figuras inmensamente relevantes para a nosas letras, cultura e pensamento político, como é Castelao".
Segundo Agra, os departamentos provinciais de Cultura e de Lingua "valoran todo o que este festival representa: o carácter colaborativo entre as asociacións de base do concello, a aposta por unha produción cultural elaborada na Galiza e en galego, a implicación dos centros educativos nas actividades realizadas, o apoio ás bandas emerxentes, a diversificación das actividades ao longo do ano, o compromiso coa lingua, o respecto ao medio ambiente e ao territorio, a divulgación turística do concello desde un punto de vista cultural e musical, que atrae a un turismo respectuoso co noso".
Coa súa liña de subvencións para actividades, investimentos e festivais, a área de Cultura da Deputación da Coruña seguirá apoiando, en palabras de Agra, "o sostemento económico das pequenas asociacións espalladas ao longo de toda a provincia, que crean a dinamización cultural necesaria para que en cada concello, por pequeno que sexa, a veciñanza poda organizarse e desfrutar da inmensa riqueza cultural feita en Galiza en galego".
O cartel
• Venres: Dakidarría, Boikot, Adala, The Twinpims, Lisdexia, La Duendeneta, Vai de Roda, Río de Anxo, Buxaina, Fogo Fatuo.
• Sábado: Rebeliom do Inframundo, A Banda da Loba, Kumpaia Algazarra, High Paw, Nadie González, DJ Rapante, Collón de Lola, Maruxa e Coralia e Festicultores.
Rock in Rian sairá tamén do escenario do Parque de Galiza: haberá 'pasabares', espectáculos de rúa e a clasificatoria da Liga CeibaRimas 2025, entre outras propostas. O festival contará, ademais, cunha zona de acampada de balde, un espazo gastronómico e unha feira de artesanía.
Toda a información e onde conseguir as entradas, na páxina web do festival.