A Deputación apoia con máis de 56.000 euros a modernización e mellora da actividade das confrarías de Noia e Muros
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, visitou hoxe as dúas entidades para coñecer os proxectos impulsados co apoio provincial.

A Deputación da Coruña reforza o seu compromiso co sector pesqueiro e marisqueiro provincial cunha achega global de 56.691,80 euros destinada ás confrarías de pescadores de San Bartolomeu de Noia e Muros.
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, visitou hoxe ambas entidades para coñecer de primeira man o traballo que desenvolven e os proxectos financiados polas axudas provinciais, que forman parte do programa dotado cun orzamento global de 800.000 euros para apoiar confrarías e agrupacións de mariscadores.
No caso da Confraría de Pescadores de Noia, a institución provincial aprobou dúas liñas de apoio: 19.000 euros para o mantemento do persoal das oficinas centrais, esencial para a xestión administrativa, atención ao socio, facturación e coordinación con administracións e entidades colaboradoras.
Por outra banda, 13.691,80 euros para a adquisición de novos equipos informáticos e a creación dun punto de acceso dixital, co obxectivo de facilitar aos máis de 1.500 usuarios da entidade e confrarías vinculadas (Muros, Portosín e Porto do Son) ferramentas modernas para realizar trámites electrónicos e mellorar a comunicación interna.
Pola súa parte, a Confraría de Muros recibirá unha achega de 24.000 euros para o proxecto de mellora da comercialización dos recursos non marisqueiros. A iniciativa busca perfeccionar o servizo de poxa, venda e etiquetado de peixe e crustáceos na lonxa, consolidando o uso da marca "Pesca de Rías, de onde senón?" e promovendo a sustentabilidade do sector.
Segundo destacou Cristina Capelán, "o mantemento do persoal administrativo e a incorporación de novas tecnoloxías son imprescindibles para garantir o futuro das confrarías e mellorar a comercialización dos seus produtos, reforzando a viabilidade económica e social dun sector estratéxico para a nosa provincia".
As confrarías beneficiarias subliñaron a importancia destas axudas, que permiten manter empregos directos, apoiar a innovación e dar continuidade á cooperación con outras entidades da ría de Muros e Noia, nun modelo de xestión compartida que garante a protección e valorización dos recursos mariños.