Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña apoia con 24.000 euros os proxectos da Asociación de Propietarios Forestais A Croa de Camariñas para a xestión sostible do monte e a prevención de incendios

A deputada de Medio Rural destaca a importancia do asociacionismo "para avanzar cara unha xestión forestal sostible e coordinada, fundamental para previr os incendios e xerar novas oportunidades no rural"

A Deputación da Coruña apoia con 24.000 euros os proxectos da Asociación de Propietarios Forestais A Croa de Camariñas para a xestión sostible do monte e a prevención de incendios

A deputada de Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, visitou hoxe á Asociación de Propietarios Forestais A Croa de Camariñas, interesándose polo desenvolvemento dos dous proxectos que a entidade leva a cabo co apoio da institución provincial, por un importe total de 24.000 euros.

Capelán destacou "o labor exemplar desta asociación, que demostra que o asociacionismo é clave para avanzar cara unha xestión forestal sostible e coordinada, fundamental para previr os incendios e xerar novas oportunidades no rural". A deputada subliñou tamén "o compromiso da Deputación coa conservación do territorio, o relevo xeracional e a posta en valor do monte como motor de desenvolvemento económico e social".

O primeiro dos proxectos, titulado "Xestión comunitaria das faixas secundarias", que a Deputación apoia con 12.000 euros, céntrase na coordinación dos labores de roza, limpeza e plantación de frondosas arredor do núcleo de Camariñas, coa finalidade de reducir o risco de incendios e crear unha infraestrutura verde comunitaria. A iniciativa aposta por un modelo participativo de gobernanza forestal que implica á veciñanza, ás persoas propietarias —moitas delas residentes fóra do municipio— e ás administracións locais, fomentando a cohesión social e participación das mulleres e a mocidade.

O segundo proxecto, "Xestión activa no minifundio de Camariñas para a prevención de lumes", ten como obxectivo promover a multifuncionalidade do monte mediante repoboacións forestais, actuacións silvícolas e a diversificación de aproveitamentos como o resinado e a produción micolóxica. Inclúe tamén accións de formación e colaboración con centros educativos, como a EFA Fonteboa de Coristanco, e a elaboración de cartografía e monitorización con dron para mellorar a planificación forestal e a defensa fronte aos incendios.

Ambas iniciativas permiten mellorar a protección dos núcleos rurais, favorecer a xestión conxunta das faixas secundarias e impulsar unha economía verde baseada no aproveitamento responsable dos recursos forestais locais.

Durante a súa visita, Cristina Capelán reuniuse coa presidenta da asociación, Adriana Rodríguez, e con persoas propietarias integradas na entidade, que lle trasladaron o impacto positivo destas actuacións tanto na redución da biomasa acumulada como na creación dunha rede de colaboración entre veciños e institucións.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X