O azul entre o ceo e a auga
Os Clubs de lectura dixital, da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña, seguen o seu percorrido
Nesta ocasión, temos nova lectura na sala Tinta e equidade (Do 22 de outubro ao 21 de novembro)
Acompáñasnos nesta nova singradura?
Comezamos lectura no club dixital eBiblioDaCoruna, na sala Tinta e equidade:
- Obra: O azul entre o ceo e a auga
- Autora: Susan Abulhawa
- Sala: Tinta e equidade
- Moderadora: Maitane Vicente
Sobre a obra
O azul entre o ceo e a auga, de Susan Abulhawa, xa traducido a máis de 20 idiomas, achégase agora en galego.
Conta a historia dunha familia palestina, os Baraka, que a través de diversas xeracións de mulleres, enleadas no tempo e no espazo, nos amosan a dura realidade da franxa de Ghaza. Desde a tola Um Mamdouh ata a americana perdida Nur, pasando pola valente e desleigada Nazmiyeh ou Mariam a dos ollos de dúas cores. Personaxes masculinos e femininos nun territorio que lles é hostil e onde a forza, o humor, os lazos familiares, as obrigas e as lembranzas, crean unha rede que lles permite seguir adiante.
Unha historia de resiliencia, onde vemos como podemos resistir malia todas as condicións externas adversas grazas á fortaleza das matriarcas.
É unha novela de exilio e desarraigo, de esperanza e afouteza, de atopar a propia identidade e o respecto no conflito palestinoisraelí, onde o mundo máxico e o real se mesturan para confluíren na idea do azul entre o ceo e a auga, onde sempre se está, unindo presente e pasado:
Búscame
Estarei no azul
Entre o ceo e a auga
Onde todo o tempo é agora
E onde estamos xuntos
Fluíndo coma un río
Tradución de Rocío Viéitez Ferro
Sobre a autora
Susan Abulhawa (1970), naceu nun campo de refuxiados de Kuwait e mudouse de nena aos Estados Unidos, onde estudou Ciencias Biomédicas. Periodista, activista, fundadora da ONG Playgrounds for Palestine, que constrúe zonas de xogo nos campos de refuxiados palestinos.
A súa primeira novela, Mornings in Jenin (2003), foi traducida a máis de 30 idiomas, O azul entre o ceo e o mar (2015) foi traducido a máis de 20 idiomas e coa terceira novela, Against the loveless world (2019), acadou premios tales coma os Arab American Book Award for Fiction (2021), Reading Women Award Nominee for Fiction (2020), Aspen Words Literary Prize Nominee for Shortlist (2021).
Tamén escribe ensaio, artigos para periódicos estadounidenses e converteuse nunha das voces literarias femininas máis importantes da literatura palestina.
---
Se aínda non formas parte do club de lectura, dáte de alta! Poderás compartir e comenta desde calquera lugar e en calquera momento.
Info e alta aquí: https://dacoruna.gal/biblioteca/ebibliodacoruna/tinta-e-equidade
Animádevos!

