Estás en:Emprego

A Deputación dá un paso decisivo na recuperación das Torres de Altamira, en Brión

O contrato permitirá elaborar o proxecto técnico que servirá de base para futuras intervencións de recuperación do monumento declarado BIC e propiedade provincial

A Deputación dá un paso decisivo na recuperación das Torres de Altamira, en Brión

A Deputación da Coruña continúa co seu compromiso coa conservación e posta en valor do patrimonio cultural da provincia coa redacción do proxecto de escavación arqueolóxica e posta en valor das Torres de Altamira, situadas no concello de Brión e declaradas Ben de Interese Cultural. O contrato ten por finalidade elaborar un proxecto técnico completo que permita avanzar na recuperación e estudo deste emblemático conxunto histórico, ademais de posibilitar a súa presentación ás diferentes convocatorias estatais de axudas destinadas á conservación do patrimonio.

As Torres de Altamira, propiedade da Deputación da Coruña desde o ano 1973 e declaradas Ben de Interese Cultural coa categoría de monumento en 1994, constitúen un dos principais referentes da arquitectura defensiva medieval galega. No ano 2022 a Deputación impulsou a redacción do Plan Director das Torres de Altamira, elaborado polo doutor arquitecto Juan Mario Crecente Maseda, que estableceu as directrices e prioridades para a recuperación arqueolóxica e posta en valor do monumento. Este novo contrato dá continuidade a ese traballo previo e permitirá redactar o proxecto de execución que servirá de base para futuras intervencións arqueolóxicas e museográficas, co obxectivo de garantir a conservación, a investigación e a difusión pública do enclave.

A redacción do proxecto inclúe a elaboración de toda a documentación técnica e administrativa necesaria para optar ás convocatorias de axudas estatais en materia de patrimonio cultural, así como a realización de estudos de viabilidade, informes de conservación, reportaxes fotográficas e planimetrías detalladas. O documento final definirá de maneira completa as actuacións previstas, seguindo as prescricións do Plan Director e os criterios da Deputación da Coruña, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e do Concello de Brión. O orzamento estimado das actuacións ascende a 600.000 euros, IVE incluído.

O proxecto desenvolverase por fases, desde o anteproxecto inicial ata a redacción definitiva, e adaptarase ás convocatorias de subvencións que se poidan publicar durante o período de vixencia do contrato. O prazo para a entrega do anteproxecto será de dous meses a partir da sinatura, e no caso de non existir convocatorias de axudas durante o ano 2025, a Deputación prevé un prazo máximo de execución ata o 31 de marzo de 2026.

Con esta iniciativa, a Deputación da Coruña dá un paso decisivo na recuperación das Torres de Altamira, avanzando cara á súa posta en valor como espazo histórico, cultural e turístico de referencia. O proxecto permitirá sentar as bases para unha futura escavación arqueolóxica integral e para a creación dun percorrido interpretativo que faga accesible a historia deste enclave á cidadanía. A actuación insírese na estratexia provincial de preservación e promoción do patrimonio cultural como motor de identidade e desenvolvemento sostible, consolidando o compromiso da institución coa protección dos bens históricos e coa súa posta ao servizo da sociedade..

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X