A Deputación levará ‘Brazaletes’, a obra sobre o xesto de repulsa ao franquismo por parte de dous futbolistas, a 8 concellos da provincia
Malpica, Melide, Muros, Zas, Fene, Padrón, Noia e Negreira acollerán as representacións desta obra de Amorodio Teatro durante as vindeiras semanas
A deputada de dereitos civís, Sol Agra, presentou esta mañá o proxecto, acompañada dos representantes da compañía Amorodio Teatro, Javier Castiñeira e Carmen Facorro
A área de dereitos civís da Deputación da Coruña levará a obra 'Brazaletes' a 8 centros educativos da provincia. Así o anunciou esta mañá a deputada, Sol Agra, acompañada dos representantes da compañía Amorodio Teatro, Javier Castiñeira e Carmen Facorro.
Trátase dunha obra orixinal que reflexiona sobre o vínculo existente entre o fútbol e a política, a través dun monólogo escrito e protagonizado por Javier Castiñeira, baixo a dirección de Santiago Cortegoso, coa dramaturxia de Ernesto Is e co deseño de iluminación de Violeta Martínez. A súa estrea coincide cun fito histórico: o 50 aniversario dos últimos fusilados do franquismo. Ao día seguinte, dous futbolistas saltaron ao campo con brazaletes negros en memoria dos fusilados.
Malpica, Melide, Muros, Zas, Fene, Padrón, Noia e Negreira acollerán as representacións durante as vindeiras semanas, destinadas principalmente a alumnado dos centros educativos.
- Luns 27 de outubro Auditorio do Centro Cívico de Malpica
- Martes 28 de outubro Centro Sociocultural Mingos de Pita Melide
- Mércores 29 de outubro Auditorio Municipal Muros
- Xoves 30 de outubro Centro Sociocultural de Baio
- Martes 4 de novembro IES de Fene
- Mércores 5 de novembro Auditorio Municipal de Padrón
- Xoves 6 de novembro Liceo de Noia
- Venres 7 de novembro Centro Sociocultural de Negreira
"Brazaletes conta esa historia que non aparece nos libros de texto. Unha historia, como tantas outras, de protesta, nun tempo no que a protesta podía custarche a vida, unha protesta por dignidade, por visibilizar a nosa oposición e a nosa repulsa" sinalou a deputada, que tamén parabenizou a Amorodio Teatro "por ser valentes, por levar ao teatro as verdades silenciadas pola historia que contaron os vencedores".
Dende a compañía agradeceron á Deputación "a oportunidade" de divulgar esta historia entre a rapazada, así como da importancia de "significarse tamén no ámbito do fútbol, cunha gran influencia social", e de que "a xuventude sinta o vínculo co teatro", a través dunha historia de memoria e reflexión, sobre "unha España que hai que recordar para non repetir".
