A Deputación da Coruña inicia as obras de mellora do firme na estrada provincial DP 6902, en Pontedeume
Os traballos, cun investimento de 132.051 euros e un prazo de execución de tres meses, mellorarán a seguridade viaria nos primeiros 1,8 quilómetros do vial que conecta coa AC-144 e dá acceso ás Fragas do Eume e ao Mosteiro de Caaveiro
A Deputación da Coruña inicia mañá as obras de mellora do firme e da seguridade viaria na estrada provincial DP 6902, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0+000 e 1+880, no termo municipal de Pontedeume.
O proxecto, redactado polo Servizo de Vías e Obras da institución provincial, conta cun orzamento de 132.051 euros e un prazo de execución de tres meses. A actuación forma parte do Plan de Vías Provinciais e ten como obxectivo mellorar as condicións de circulación da vía, así como prolongar a vida útil do firme e reforzar a seguridade dos usuarios.
A obra comezará no enlace coa estrada autonómica AC-144 e abrangue os primeiros 1,8 quilómetros do vial, que constitúe un dos principais accesos ás Fragas do Eume e ao Mosteiro de Caaveiro, dous enclaves de gran valor natural e patrimonial.
Actuacións previstas
O proxecto inclúe saneos puntuais da capa de rodadura, a aplicación dunha nova mestura asfáltica en quente tipo AC 16 SURF 60/70 S de 5 centímetros de espesor nunha superficie total de 12.811 m², e a renovación da sinalización horizontal e vertical en todo o tramo.
Durante os traballos manterase en todo momento a circulación, xa que as obras se executarán primeiro por unha marxe e logo pola outra, co fin de garantir a seguridade e minimizar as molestias aos condutores.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou que esta actuación "forma parte do compromiso da institución provincial coa mellora continua da rede viaria, fundamental para a seguridade e a vertebración dos concellos coruñeses".
Unha vez finalizadas as obras, a estrada ofrecerá maior confort, adherencia e seguridade, beneficiando tanto á veciñanza de Pontedeume como ás numerosas persoas que visitan a contorna das Fragas do Eume.
