Estás en:Emprego

A Deputación presenta o libro ilustrado ‘Coralia e Maruxa’ sobre a historia das irmás Fandiño

Baixo a autoría de Cari Ca, esta publicación de carácter divulgativo repartiuse entre todas as bibliotecas da provincia

Haberá presentacións en diferentes bibliotecas, centros sociais e educativos da provincia: Laxe, Ames, Santiago, A Coruña e Zas

A Biblioteca Provincial da Deputación acolleu esta mañá a presentación, onde participaron a deputada de dereitos civís, Sol Agra, e a autora, Cari Ca

A Deputación presenta o libro ilustrado ‘Coralia e Maruxa’ sobre a historia das irmás Fandiño

A área de dereitos civís da Deputación da Coruña presenta o libro ilustrado 'Coralia e Maruxa', un traballo de Cari Ca sobre as irmás Fandiño en formato texto e ilustración de carácter divulgativo que se repartiu entre todas as bibliotecas da provincia. Ademais, a autora ofrecerá presentacións en diferentes centros sociais e educativos. Así o anunciaron esta mañá a deputada de dereitos civís, Sol Agra, e a autora, Cari Ca, nunha presentación que tivo lugar na Biblioteca Provincial.

"Irmáns de sindicalistas asasinados polos falanxistas, humilladas, rapadas, violadas, condenadas e sinaladas para que ninguén as axudara. As normas que o Franquismo impoñía para as mulleres era a reclusión nas súas casas, saír só acompañadas dun home da súa familia ou para ir á misa, cubertas as cabezas, con roupas escuras e longas; pero Maruxa e Coralia, con valentía decidiron romper coas normas e saír vestidas de cores, cada día" sinalou a deputada, que destacou a "importancia" de divulgar "a verdadeira historia detrás das Marías da estatua da Alameda. Porque a súa historia é a historia da represión e o terror que sufriu a maioría da poboación durante a ditadura".

A autora suliñou que " hai que continuar a traballar para dignificar a Coralia e a Maruxa, e a tantas outras mulleres que representan. Porque aínda hoxe non se sabe moito delas pese a que contamos con materiais abondo para honrar ás súas vidas. Aínda así, pesa a imaxe frívola , festiva e divertida destas mulleres que para a meirande parte das persoas son pouco máis que unha foto e parada turística en Compostela. Coralia e Maruxa, os seus irmáns, e tantas persoas que loitaron e loitan pola liberdade son exemplo de subversión contra o poder e as normas establecidas. Son recoñecidas pola súa resistencia, rebeldía e por converterse en símbolos de esperanza na crenza de que outro mundo é necesario e posible".

As presentacións do libro comezarán o 31 de outubro en Laxe, ás 19:30h na Biblioteca Municipal de Laxe para o público xeral. Continuarán o 4 de novembro, ás 12:30h, na Biblioteca do IES Milladoiro- Ames para o alumnado; ese mesmo día ás 17:30h no Centro Sociocultural da Cidade Histórica Maruxa e Coralia en Santiago de Compostela para o público xeral; o 25 de novembro ás 12:30h no IES Adormideras da Coruña, e rematarán o 26 de novembro ás 10:25h no IES Maximino Romero de Lema, en Baio (Zas).

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X