Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña destaca en Vilasantar o potencial do rural na xeración de enerxía verde a partir dos recursos forestais

Formoso visitou hoxe a planta de biomasa de Veolia no municipio, onde destacou que "o rural pode ser motor económico e ambiental, transformando os nosos montes nunha fonte de enerxía renovable, ao tempo que se prevén incendios e se impulsa o desenvolvemento e a economía local"

A Deputación da Coruña destaca en Vilasantar o potencial do rural na xeración de enerxía verde a partir dos recursos forestais

O presidente da Deputación da Coruña visitou hoxe a planta de biomasa de Veolia en Vilasantar, un exemplo de como o aproveitamento sostible dos recursos forestais pode xerar emprego, dinamizar o rural e contribuír á transición cara a un modelo enerxético máis verde.

Durante a visita, o presidente destacou que instalacións coma esta "demostran que o rural pode ser motor económico e ambiental, transformando os nosos montes nunha fonte de enerxía renovable, ao tempo que se prevén incendios e se impulsa o desenvolvemento e a economía local".

A planta de Veolia leva máis de 25 anos transformando madeira en biomasa sostible, certificada baixo o sistema SURE. Cada ano produce arredor de 28.000 toneladas de estela verde e 8.200 toneladas de estela seca, empregadas como combustible renovable para calefacción en industrias, centros educativos, residencias, concellos e instalacións públicas de toda Galicia.

O presidente subliñou que "a aposta pola biomasa é tamén unha aposta polo territorio, pola economía circular e pola xeración de emprego no interior da provincia". Engadiu que proxectos coma o de Vilasantar "son o mellor exemplo de que o futuro do rural pasa por aproveitar con intelixencia e respecto os seus propios recursos naturais".

Os responsables da empresa explicaron que Veolia traballa toda a cadea de valor da biomasa, desde a explotación forestal, pasando polo transporte e a loxística, ata a entrega ao clientes; e incidiron en que, ademais de fomentar a economía circular e o coidado e mantemento dos montes e do medio ambiente, xera un beneficio social e laboral en áreas rurais e produce un combustible a prezos moi competitivos para os clientes.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X