Estás en:Emprego

A Deputación achega 115.000 euros ao Concello de Toques para crear unha nova ponte sobre o rego de Porto Salgueiro

A institución provincial financia o 80% dos traballos, e o resto dos cartos serán aportados polo Concello.

O acordo foi asinado polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde de Toques, José Ángel Penas.

A Deputación achega 115.000 euros ao Concello de Toques para crear unha nova ponte sobre o rego de Porto Salgueiro

A Deputación da Coruña e o Concello de Toques veñen de formalizar un convenio de cooperación mediante o cal se instrumenta unha subvención nominativa de 115.000 euros destinada ao cofinanciamento das obras da nova ponte sobre o rego de Porto Salgueiro, na parroquia de Santa María de Brañas, no termo municipal de Toques.

O acordo foi asinado hoxe entre o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde, José Ángel Penas, nun acto que contou tamén coa asistencia do deputado de Patrimonio, Xosé Penas.

As obras contemplan a construción dunha nova infraestrutura que substitúe a ponte actual, que se atopa en estado defectuoso e cunha capacidade hidráulica insuficiente, o que provoca asolagamentos frecuentes e dificulta o paso de vehículos e maquinaria agrícola. A nova ponte permitirá mellorar as condicións de seguridade viaria e a accesibilidade, resolvendo unha demanda histórica dos veciños e veciñas da zona.

O proxecto técnico define unha nova obra de drenaxe transversal composta por un pórtico de formigón armado de 10 metros de luz e 3 metros de altura, con zapatas soterradas e un taboleiro de 7 metros de ancho. O deseño cumpre coas esixencias do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa, asegurando a evacuación do caudal correspondente a unha avenida de retorno de 500 anos e garantindo a seguridade peonil e do tráfico rodado.

O orzamento total das obras ascende a 143.750 euros, dos cales a Deputación da Coruña achegará 115.000 euros, o que supón o 80% do investimento previsto. O Concello de Toques financiará o importe restante con fondos propios.

A actuación inclúe, ademais, a pavimentación do viario municipal nun tramo de 600 metros, a colocación de barreiras de seguridade e pretil metálico, o pintado de marcas viarias e o acondicionamento ambiental da contorna, coa reposición das marxes do río, a plantación de especies autóctonas e a restauración paisaxística da zona afectada polas obras.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, subliñou que con esta colaboración, a Deputación da Coruña atende unha demanda da veciñanza e do Concello de Toques, mellorando a seguridade da circulación e solventando o problema recurrente das inundacións.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X