A Deputación da Coruña acolle no Pazo de Mariñán a terceira edición de “Acougo”, o programa da AECC que ofrece convivencia e apoio a familias afectadas polo cancro
Durante tres días, as familias participantes poderán gozar de actividades de descanso, natureza, obradoiros de benestar, apoio psicolóxico e dinámicas grupais, co obxectivo de favorecer o descanso e fortalecer os vínculos emocionais
O Pazo de Mariñán volve converterse esta fin de semana nun espazo de encontro, esperanza e convivencia coa celebración de "Acougo 2025", unha iniciativa promovida pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) coa colaboración da Deputación da Coruña, que ofrece ás persoas con cancro e ás súas familias uns días de descanso, apoio emocional e actividades compartidas nun entorno natural e acolledor.
A deputada Cristina Capelán foi a encargada de dar a benvida ás familias participantes nesta terceira edición, nun acto celebrado este venres no propio Pazo de Mariñán. "Acougo é moito máis que unha fin de semana de descanso. É un tempo de encontro, de compartir experiencias, de poñer en común medos, forzas e soños. Mesmo nos momentos máis difíciles sempre hai espazo para a esperanza, para o sorriso e para o abrazo", destacou Capelán.
A deputada agradeceu tamén o traballo da AECC, "un exemplo de solidariedade e humanidade", e subliñou o orgullo da Deputación por poñer o Pazo de Mariñán ao servizo dunha causa tan fermosa: "Este lugar, que xa se converteu no fogar de Acougo, é hoxe un símbolo do que queremos ser como institución: un espazo de acollida, de coidado e de compromiso co benestar das persoas", sinalou.
Durante tres días, as familias participantes poderán gozar de actividades de descanso, natureza, obradoiros de benestar, apoio psicolóxico e dinámicas grupais, co obxectivo de favorecer o descanso e fortalecer os vínculos emocionais.
A iniciativa "Acougo" consolídase así como unha das experiencias máis humanas e transformadoras da AECC na provincia da Coruña, e conta co apoio da Deputación dende a súa primeira edición.
