Estás en:Emprego

A Deputación investirá en 2026 un millón de euros en subvencións a concellos para actuacións de protección do patrimonio cultural público

Dirixidas a municipios de menos de 50.000 habitantes, as axudas serán dunha contía máxima de 150.000 euros por actuación

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 21 de xaneiro de 2026

"Esta liña de axudas", defendeu o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, "é unha necesidade, unha chamada de atención para que o importantísimo patrimonio que temos no territorio non caia no esquecemento, e é tamén un convite á colaboración co resto de administracións, mais especialmente aquela que ten todas as competencias nesta materia, para que se poña con firmeza a traballar no que foi mandada a traballar"

A Deputación investirá en 2026 un millón de euros en subvencións a concellos para actuacións de protección do patrimonio cultural público

O deputado de Patrimonio, Xosé Penas, presentou hoxe na sede coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) o programa da Deputación DP0045/2026, de subvencións a concellos para actuacións de protección especial sobre o patrimonio cultural público ou de xestión municipal realizadas entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de xuño de 2027. Dirixidas a municipios de menos de 50.000 habitantes, as axudas serán dunha contía máxima de 150.000 euros por actuación e deberán solicitarse ata o 21 de xaneiro do ano que vén.

Poderán destinarse as subvencións á mellora de espazos públicos e inmobles patrimoniais de carácter público e titularidade municipal, con valor histórico-artístico, cultural, tipolóxico ou etnográfico, e tamén dos elementos integrados nos mesmos, que sexan bens declarados BIC ou catalogados. Quedan fóra deste programa de actuación os bens mobles. Tampouco se poderá incluír ningún ben que xa estea incluído nalgún ámbito de actuación ou liña de traballo en curso da Deputación da Coruña, coma son os parques arqueolóxicos de Compostela Rupestre, Megalitismo da Costa da Morte ou Idade de Ferro do Barbanza; os plans de sostibilidade turística en destino (PSTD) ou outros programas similares financiados pola administración provincial.

"Na Deputación somos conscientes da necesidade de actuar de xeito inmediato, e achegando recursos suficientes, para protexer e conservar adecuadamente o extraordinario patrimonio cultural que ten a provincia da Coruña", explicou Penas, que estivo acompañado por Ruth Varela, presidenta da delegación coruñesa do COAG. O deputado expresou tamén a preocupación do seu departamento pola situación de determinados bens "que deben ser obxecto de protección inmediata".

Segundo Penas, nesta liña da axudas traballouse durante o último ano, e finalmente puido ver a luz "grazas ao esforzo e colaboración entre a área política, os servizos de arquitectura e departamento de Patrimonio e Contratación".

Defendeu o deputado a necesidade do novo programa de axudas: "O patrimonio normalmente sempre vai nas ultimas liñas das previsións e programas orzamentarios de todas e cada unha das administracións deste país. Así que esta liña non é soamente unha necesidade: é un berro, unha chamada de atención para que o importantísimo patrimonio que temos no territorio non caia no esquecemento, e é tamén un convite á colaboración co resto de administracións, mais especialmente aquela que ten todas as competencias nesta materia, para que se poña con firmeza a traballar no que foi mandada a traballar", dixo Penas en referencia á xestión "errada" da Xunta de Galicia no caso da Ribeira Sacra e "ás políticas de atentados patrimoniais doutros lugares do país".

Para Penas, "morreu o tempo de desfacer e estamos no tempo de conservar ou refacer chegado o caso". "Na Deputación", abundou, "xa levamos uns anos traballando coa idea de que o patrimonio é moito máis ca fachada que queremos arranxar para que veñan os veciños visitar a nosa casa. Pero primeiro temos que comezar sumando e achegando axudas económicas a aqueles que fixeron posible todo iso: a preservación do tecido social do territorio e a devolución do que nunca se debeu perder".

Nese sentido, puxo como exemplo do camiño correcto para defender, poñer en valor e conservar o patrimonio, o traballo do seu departamento nos parques arqueolóxicos, "en colaboración coas administracións locais, coa colaboración público privada cando é necesaria, que é case sempre". "Iso nos levou a un contacto permanente co territorio, a unha observación crítica do mesmo e á conclusión xa coñecida por todos de que temos un problema importante coa protección patrimonial".

"Froito de todo isto e mais", rematou, "son as liñas de subvención de protección especial para o patrimonio, unha pinga no medio desde mar de traballo que temos que facer, pero unha pinga que insisto, convida a seguir sumando, e nós convidamos dende aquí, pero convidamos a facelo seriedade, non como escaparate ou como simple foto, como fan outras administracións".

Ruth Varela deulles os parabéns a Penas é a Deputación "por esta sensibilidade co patrimonio e por este apoio aos concellos". Varela puxo o acento tamén "na necesidade de que, desde a administración pública, se dean a coñecer e se apoien os procesos de patrimonialización e os procesos de concesión de valor, e de loitar contra os procesos de despatrimonialización, que son, xunto ao deterioro físico, o maior risco para o patrimonio cultural galego".

Tanto as solicitudes coma o resto da tramitación do programa, realizarase por vía telemática a través da plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación da Coruña.

As bases da convocatoria publicáronse no BOP do 15 de outubro.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X