A Deputación e o Concello de Carnota culminan as obras do novo auditorio municipal de O Viso, cun investimento de 300.000 euros
O novo auditorio, con capacidade para 230 espectadores, é unha das 45 obras financiadas no municipio polo Plan Único da Deputación
O proxecto dota a Carnota dun espazo escénico de referencia para teatro, concertos e programación cultural
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe o Concello de Carnota, acompañado do alcalde Juan Manuel Saborido Rama e da depurada Mónica Rodríguez, para comprobar o resultado das obras xa rematadas do novo auditorio municipal de O Viso, unha actuación moi esperada que dota o municipio dun espazo escénico moderno e versátil para dinamizar a súa vida cultural.
O novo auditorio conta con 230 butacas e é unha das 45 obras financiadas en Carnota polo Plan Único da Deputación, o principal programa de cooperación municipal da provincia. O investimento total ronda os 300.000 euros, dos que a Deputación achegou un 80% e o Concello o 20% restante.
O presidente provincial destacou que "esta infraestrutura cultural converte Carnota nun referente da vida cultural da Costa da Morte e exemplifica o impacto real do Plan Único, que permite aos concellos acometer proxectos transformadores que melloran o benestar da veciñanza e neste caso, a vida cultural do municipio".
Formoso subliñou que "un dos grandes valores desta obra non é só a súa compoñente técnica, senón o seu significado simbólico: Carnota non dipoñía dun auditorio e agora conta por fin cunha sala digna e completamente equipada para ofrecer teatro, concertos e incluso programacións de gran formato".
Pola súa parte, o alcalde Juan Manuel Saborido agradeceu o apoio da Deputación e afirmou que "este auditorio responde a unha antiga demanda da veciñanza e das asociacións culturais locais, e marcará un antes e un despois na oferta cultural do municipio".
Un espazo moderno, accesible e versátil
A intervención no Centro Cultural de O Viso completou o acondicionamento da platea e a dotación dunha nova instalación eléctrica e de iluminación escénica, así como dun sistema de seguridade e protección contra incendios.
Tamén se realizaron melloras de acústica, accesibilidade e eficiencia enerxética, convertendo o auditorio nun espazo moderno, seguro e multifuncional, preparado para acoller obras de teatro, concertos, recitais, cine e actividades sociais ou educativas.
O Concello de Carnota traballa xa nunha programación especial de Nadal coa que estreará o novo espazo, que se converterá nun dos principais motores da vida cultural local.
Visita ao Hotel Meiga do Mar, exemplo de turismo sostible e innovación empresarial
Durante a súa visita a Carnota, o presidente da Deputación e o alcalde visitaron tamén o Hotel Meiga do Mar, onde foron recibidos pola xerente do establecemento, Mónica Cambeiro.
O hotel, situado a poucos metros da praia de Carnota, é un establecemento de tres estrelas que se consolidou nos últimos anos como referente do novo modelo turístico do municipio, baseado no turismo sostible, de proximidade e de calidade.
O Hotel Meiga do Mar recibiu este ano 30.000 euros a través do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, mediante dúas liñas de axuda que lle permitiron contratar a unha persoa e investir en melloras nas instalacións. Trátase dunha das 156 axudas PEL concedidas no municipio de Carnota durante a última década, dentro deste programa provincial de apoio ao emprendemento e á creación de emprego.
Formoso destacou que "iniciativas como esta demostran o potencial do turismo responsable na Costa da Morte e a capacidade do empresariado local para innovar e xerar emprego estable. É unha gran satisfacción ver como as axudas do PEL contribúen a crear emprego e a facer crecer os pequenos negocios".
O establecemento conta ademais co único spa existente no municipio, o que lle permite atraer visitantes máis alá da tempada estival, reforzando o turismo durante todo o ano. En 2024 recibiu a certificación Q de Calidade Turística, outorgada polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), que acredita a excelencia dos seus servizos e a súa aposta pola mellora continua.
