Estás en:Emprego

A Deputación e o Concello de Cee inician as obras do complexo deportivo de San Paio de Refoxos, cun investimento de medio millón de euros

O proxecto inclúe un novo campo de fútbol 7 de herba artificial e melloras en accesibilidade, saneamento e aparcamento

Valentín González Formoso e Margot Lamela supervisaron hoxe o inicio dos travallos, que suporán unha reforma integral do campo de fútbol e a súa contorna

Formoso visitou tamén ASPADEX, onde entregou unha furgoneta para o transporte das persoas usuarias, que proceden de concellos como Corcubión, Fisterra, Dumbría, Muxía, Camariñas, Vimianzo, Carnota, Mazaricos ou Muros.

A Deputación e o Concello de Cee inician as obras do complexo deportivo de San Paio de Refoxos, cun investimento de medio millón de euros

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, supervisaron esta mañá o inicio das obras de reforma integral do complexo deportivo de San Paio de Refoxos, nas que Deputación e Concello invisten 496.707,84 euros, dos cales a institución provincial achega o 80% (397.366,27 €) e o Concello o 20% restante con fondos propios.

A actuación permitirá modernizar por completo o recinto deportivo, con especial atención á construción dun novo campo de fútbol 7 de herba artificial, así como á mellora da accesibilidade, o saneamento e o aparcamento das instalacións.

O presidente provincial destacou que o proxecto "é un exemplo do compromiso da Deputación coa mellora das infraestruturas municipais e coa práctica deportiva en igualdade de condicións en todos os concellos da provincia". Formoso subliñou ademais que "actuacións como esta permiten que os clubes e a mocidade de Cee conten con instalacións seguras, modernas e adaptadas ás necesidades actuais".

Pola súa parte, a alcaldesa Margarita Lamela sinalou que se trata "dunha intervención moi esperada pola veciñanza e polos equipos locais, que levaban tempo demandando unhas instalacións máis axeitadas para o adestramento e competición". Lamela agradeceu o apoio da Deputación "por facer posible un proxecto que mellorará non só o deporte, senón tamén a accesibilidade e a seguridade da zona".

Un proxecto integral de mellora
As obras contemplan a construción dun novo campo de fútbol 7 de herba artificial de última xeración anexo ao actual, rodeado por unha beirarrúa de formigón e dotado dun sistema de rego por canóns. Tamén se executará unha infraestrutura soterrada de canalización de pluviais con tubos de formigón armado conectados ao sistema existente, así como unha zanxa drenante con pendente mínima do 0,5% e tubos ranurados de PVC, envoltos en xeotéxtil, que garantirán unha correcta evacuación das augas.

O proxecto inclúe ademais a creación dunha senda peonil que permitirá un acceso máis seguro ao recinto, a mellora da estrada de acceso e a ampliación da zona exterior de aparcamento. Tamén se construirá unha nova rede de augas residuais que recollerá as verteduras procedentes dos vestiarios e lavandería, conectándoas á rede de saneamento municipal.

Nova furgoneta para o transporte das persoas usuarias de ASPADEX
O presidente provincial aproveitou a visita a Cee para coñecer de preto o traballo da Asociación ASPADEX, unha entidade sen ánimo de lucro dedicada a mellorar a calidade de vida e favorecer a inserción social e laboral das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, coa que a Deputación colabora a través das liñas de axudas de Servizos Sociais.

Formoso, acompañado polas deputadas Mar García e Mónica Rodríguez, foi recibido polo presidente da entidade, Evaristo Ramón Lema, e pola directora do centro, Concha Seoane, no Centro Ocupacional de Vilar de Toba, onde se interesou polas actividades que desenvolven co apoio provincial e fixo entrega dunha nova furgoneta destinada ao transporte diario das persoas usuarias.

O vehículo permitirá reforzar o servizo de transporte que ASPADEX presta a persoas con discapacidade intelectual adultas da comarca, residentes en concellos como Cee, Corcubión, Fisterra, Dumbría, Muxía, Camariñas, Vimianzo, Carnota, Mazaricos ou Muros, facilitando o seu desprazamento ao centro ocupacional.

A asociación desenvolve programas de habilidades e hábitos laborais, autonomía persoal, benestar emocional, ocio e inclusión, así como apoio ás familias, mediante obradoiros de enmarcación, encadernación, costura, marroquinería ou horticultura ecolóxica.

Formoso destacou "o labor exemplar e de fondo social de ASPADEX, que leva décadas contribuíndo á inclusión e á igualdade de oportunidades na Costa da Morte", e subliñou que a colaboración da Deputación coas entidades sociais da provincia "segue a reforzarse para garantir a continuidade de proxectos que melloran a vida das persoas e das súas familias".

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X