Estás en:Emprego
ebiblioDaCoruna Club Lector

Alfonso R. Castelao: a forxa dun mito, de Henrique Monteagudo

Do 29 de outubro, e ata o 21 de novembro, compartiremos a lectura de Alfonso R. Castelao: a forxa dun mito, do académico Henrique Monteagudo.

Acompáñasnos?

Alfonso R. Castelao: a forxa dun mito, de Henrique Monteagudo

Nova lectura no club dixital eBiblioDaCoruna‼

Amáis da exposición que engalana a nosa biblioteca, estes meses, a sala de lectura dixital de libros en galego rende homenaxe a Castelao, cunha programación centrada na súa figura e a súa obra,

anota:

Alfonso R. Castelao: a forxa dun mito

Realízase un rápido percorrido pola traxectoria vital de Castelao situándoa no seu marco histórico, ofrécese unha concisa recensión das súas obras máis significativas e bosquéxase unha síntese das principais liñas do seu pensamento.
Con este traballo, Henrique Monteagudo aspira a contribuír ao reforzamento da memoria colectiva da cidadanía galega mediante a divulgación do coñecemento dunha figura central na nosa historia contemporánea, en campos tan diversos como o pensamento, a política, as artes plásticas, a literatura e a defensa e ilustración do idioma. Ao tempo, ponse de vulto a súa achega fundamental á forxa de Galicia como nación, á reivindicación do seu autogoberno e dos intereses das clases populares, ao desenvolvemento da súa cultura nun paradigma de normalidade e modernidade e á configuración dun imaxinario colectivo, dunha identidade propia, amplamente partillada polo conxunto do país. A vida e a obra de Castelao, indisolublemente ligadas, fixeron del un mito popular que comezou a forxarse en vida, especialmente durante os durísimos anos do seu exilio, nas comunidades galegas da diáspora americana.

Henrique Monteagudo

Henrique Monteagudo (Esteiro, Muros, 1959). Doutor e catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela e investigador do Instituto da Lingua Galega, é académico numerario e vicesecretario da Real Academia Galega. Foi coordinador da Sección de Lingua e secretario do Consello da Cultura Galega. Dirixe Grial. Revista Galega de Cultura.

O seu traballo desenvólvese principalmente nos eidos da historia do idioma galego, os estudos sociolingüísticos, e a edición de textos galegos de todas as épocas. Desde a súa tese de doutoramento vén dedicando continuada atención á historiografía das ideas lingüísticas. É autor, entre outras obras, de Historia social da lingua galega (Galaxia, 1999; 3º edición de 2024), Castelao. Defensa e ilustración do idioma galego (Galaxia, 2000), Letras primeiras. O foral de Caldelas, a emerxencia do galego escrito e os primordios da lírica trobadoresca (2008), As razóns do galego. Apelo á cidadanía (Galaxia, 2009), Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística (2012) e O idioma galego baixo o franquismo (Galaxia, 2021)

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X