Estás en:Emprego

A Deputación da Coruña e a Cámara de Comercio de Santiago impulsan máis de 200 accións de apoio a persoas emprendedoras nos primeiros catro meses do programa Provincia Emprendedora

O programa beneficia a 32 concellos coruñeses e inclúe fomento do emprendemento nos institutos de ESO e Bacharelato, asesoramento e acompañamento a emprendedores e apoio na busca de financiamento

A Deputación da Coruña e a Cámara de Comercio de Santiago impulsan máis de 200 accións de apoio a persoas emprendedoras nos primeiros catro meses do programa Provincia Emprendedora

Actividade formativa do programa Provincia Emprendedora no IES de Porto do Son

O programa Provincia Emprendedora, impulsado pola Deputación da Coruña en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago, leva desenvolvidas máis de dúascentas accións de asesoramento personalizado a persoas emprendedoras da provincia nos seus primeiros catro meses de funcionamento.

A iniciativa abrangue un total de 32 concellos da provincia (A Baña, A Pobra do Caramiñal, Ames, Arzúa, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Dodro, Lousame, Mazaricos, Melide, Muros, Negreira, Noia, O Pino, Outes, Padrón, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, Teo, Touro, Toques, Vedra e Vilasantar) e ten como obxectivo principal apoiar e promover o emprendemento e a actividade empresarial como motor de creación de emprego estable, riqueza e desenvolvemento socioeconómico, especialmente nos municipios máis pequenos e no medio rural.

O programa, conveniado coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, ofrece un servizo integral 360º que abrangue todas as fases da creación e consolidación empresarial. A súa actividade céntrase en tres grandes ámbitos: o fomento do espírito emprendedor no eido educativo, con accións dirixidas ao alumnado e profesorado de secundaria e bacharelato dos institutos da provincia para promover o emprendemento como opción profesional de futuro; o asesoramento e acompañamento empresarial, que presta apoio directo a persoas emprendedoras e pequenas empresas que buscan poñer en marcha ou consolidar os seus proxectos; e o apoio na procura de financiamento, facilitando o acceso a liñas de crédito e recursos económicos que impulsen o crecemento das novas iniciativas.

Durante os primeiros catro meses de vixencia realizáronse máis de 200 accións individualizadas de asesoramento en sectores tan diversos como o audiovisual, as tecnoloxías da información, o comercio, o comercio internacional, a hostalaría, a construción ou os servizos profesionais.

Os proxectos participantes poden ademáis optar aos Premios Provincia Emprendedora, que se entregarán no marco do Demo Day, un encontro que se celebrará na primavera de 2026 e que reunirá a persoas emprendedoras, empresariado, administracións e posibles investidores.

Nos últimos meses estanse realizando tamén actividades formativas en centros educativos da provincia, co obxectivo de fomentar o espírito emprendedor entre a mocidade e impulsar o autoemprego como opción de futuro.

O programa Provincia Emprendedora enmáracase na colaboración que a Deputación da Coruña mantén coa Cámara de Comercio de Santiago a través do Coworking Dixital Compostela, integrado na Rede Provincial de Coworking, un proxecto pioneiro en Galicia creado no marco do Plan de Emprego Local (PEL).

A rede de espazos de traballo colabortivo da Deputación, posta en marcha no ano 2019, conta actualmente con once espazos activos entre coworkings, viveiros de empresas e espazos colaborativos especializados, que ofrecen apoio técnico, formación e asesoramento a emprendedores e pequenas empresas de toda a provincia.

Visítanos en   Chámanos ao 981 080 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X