Ordes, Arzúa, Oroso, Santa Comba e Padrón lideran as vendas de MercaNaVila na comarca de Santiago
Os cinco concellos concentran o 19% do total das vendas de MercaNaVila na provincia
O programa da Deputación da Coruña supera os 2,7 millóns de euros en vendas e suma xa preto de 1.000 establecementos adheridos nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia
A comarca de Santiago sitúase entre as zonas con maior dinamismo comercial no programa MercaNaVila, a iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña para apoiar o comercio de proximidade nos concellos de menos de 20.000 habitantes.
Segundo o informe de vendas do programa, os concellos de Ordes, Arzúa, Oroso, Santa Comba e Padrón encabezan a actividade da comarca, cun volume conxunto de máis de 529.000 euros en vendas, o que representa case o 19,4 % do total provincial, que ascende a 2.723.068,35 euros.
O municipio de Ordes lidera claramente a zona con 205.304,63 euros en vendas (7,54 % do total provincial), seguido de Arzúa, con 116.133,91 euros, Oroso con 74.776,68 euros, Santa Comba con 74.006,67 euros, e Padrón con 59.472,03 euros.
Tamén destacan as cifras doutros concellos da área como O Pino, Mesía, Vedra, Val do Dubra ou Rois, que suman entre todos preto de 50.000 euros adicionais, consolidando o peso do interior da provincia na dinamización do comercio local.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, salientou que "o éxito de MercaNaVila na comarca de Santiago confirma que o pequeno comercio segue sendo unha das grandes fortalezas do noso territorio. Este programa permite activar o consumo, apoiar o emprego local e xerar cohesión nas vilas e aldeas da provincia".
O MercaNaVila, dotado cun orzamento global de 6 millóns de euros, mobiliza xa preto de 1.000 establecementos adheridos en toda a provincia e converteuse nun referente das políticas provinciais de apoio ao comercio de proximidade.
Apoio ao comercio e á economía local
O programa MercaNaVila conta cun orzamento total de 6 millóns de euros, destinados a impulsar as vendas nos pequenos establecementos e fomentar o consumo nos núcleos rurais e urbanos de menor tamaño, contribuíndo así a fixar poboación e emprego.
A campaña permite que calquera persoa poida descargar os bonos, con independencia do seu lugar de residencia. Non é preciso vivir nun concello pequeno: os bonos poden descargarse tamén dende as cidades, pero as compras deben realizarse obrigatoriamente nas case 1.000 tendas adheridas dos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes.
MercaNaVila, descontos de 100 € para dinamizar o comercio local
Cada bono MercaNaVila permite descontos de ata 100 euros por persoa, aplicando un desconto directo de entre 5 e 15 euros no momento da compra. O obxectivo é facilitar o acceso a produtos e servizos de proximidade, ao tempo que se incentiva o consumo nos establecementos participantes.
A través da plataforma web oficial (https://mercanavila.gal/), as persoas usuarias poden descargar gratuitamente os seus bonos, consultar os comercios adheridos e localizar os establecementos máis próximos por concello ou sector.
Unha iniciativa con impacto real
A Deputación e a Federación Galega de Comercio coinciden en sinalar que o éxito da campaña "é un reflexo da confianza cidadá neste modelo de apoio directo ao comercio local". O programa tamén está a recibir unha valoración moi positiva por parte das asociacións de comerciantes, que destacan o incremento de visitas e vendas nos primeiros días de campaña, que se estende ata o 20 de novembro.
