Estás en:Emprego

O presidente da Deputación participou na Festa do Marisco do Barqueiro, unha das grandes citas gastronómicas do norte da provincia

O presidente da Deputación participou na Festa do Marisco do Barqueiro, unha das grandes citas gastronómicas do norte da provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu esta mañá á tradicional Festa do Marisco do Barqueiro, unha das celebracións gastronómicas máis destacadas do norte da provincia e un referente na posta en valor do produto mariñeiro da ría.

Formoso quixo acompañar o Concello de Mañón e as entidades organizadoras nesta nova edición, que volveu reunir centos de visitantes arredor dun dos mellores mariscos da costa galega. O presidente destacou "o enorme traballo e compromiso do sector do mar, que fai posible que o marisco de Galicia siga sendo sinónimo de calidade", e subliñou o impacto social e económico que a festa ten para a comarca.

Durante a súa visita, o presidente percorreu a carpa gastronómica instalada no porto do Barqueiro, interesouse polo labor das confrarías e mariscadoras e saudou os participantes no Mercado Rural, que ofrece produtos locais e artesanía.

Formoso transmitiu o apoio da Deputación á continuidade e fortalecemento deste tipo de eventos, que "dinamizan os concellos pequenos, atraen turismo, xeran actividade económica e reforzan unha identidade ligada ao mar que é esencial para entender a provincia da Coruña".

A xornada continúa con música tradicional, o pregón a cargo do barítono Borja Quiza e diferentes actividades culturais e de lecer que enchen de ambiente festivo as rúas do Barqueiro durante toda a fin de semana.

Visítanos en   Chámanos ao 981 415 509, escríbenos a  pel@dacoruna.gal , realiza unha consulta (formulario) ou solicita unha cita presencial X